Galiza, á cabeza do Estado

As asalariadas que máis horas traballan no Estado español son galegas

Os asalariados galegos son os que máis horas traballan do Estado. Mentres no conxunto español a media da xornada laboral semanal é de 36,7 horas, na Galiza esta cifra sitúase en 37,3 horas. A diverxencia en relación co Estado e coa Unión Europea é aínda maior no caso das mulleres, que dedican ao traballo 34,7 horas á semana.

Número de horas medias semanais traballadas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Número de horas medias semanais traballadas. (Foto: Nós Diario)

Os datos ofrecidos polo Euroestat en relación a 2020 -os últimos dispoñíbeis- poñen de manifesto que as mulleres asalariadas galegas contan cunha xornada laboral semanal de 34,7 horas. Así, traballan á semana Así, traballan á semana 2,7 horas máis que as vascas, 2 horas máis que as estremeñas, 1,9 horas máis que as aragonesas, 1,8 horas máis que as navarras, 1,7 horas máis que as andaluzas, cántabras, madrileñas e castelás e leonesas, 1,4 horas máis que as castelás manchegas, 1,1 horas máis que as valencianas, 0,9 horas máis que as rioxanas e 0,6 horas máis que as asturianas e as murcianas.

A fenda cos Estados da Unión Europea (UE) é aínda máis grande Así, por exemplo, as asalariadas francesas rexistran xornadas laborais semanais de 33,3 horas, as suecas de 32 horas, as italianas de 31,9 horas, as británicas de 31,6 horas, as irlandesas de 29,9 horas, as danesas de 29 horas e as alemás de 28,5 horas. Neste sentido, só presentan unhas xornadas de traballo máis longas que as galegas as cidadás dos países do leste da Unión Europea, de Grecia e de Portugal. Algunhas das razóns desta diferenza cos países centrais da UE atópanse na existencia dunha lexislación que favorece a conciliación, dunha rede de benestar máis ampla e duns salarios máis elevados.

As xornadas laborais das mulleres son inferiores ás dos homes. No caso galego os varóns traballan 4,5 horas máis á semana, manténdose unha tendencia análoga noutros territorios do Estado. A diverxencia increméntanse cando a comparativa se realiza cos Estados da Unión Europea, e de maneira moi particular con aquelas áreas incorporadas á coñecida como a banana europea e que se corresponden coas zonas máis desenvolvidas do continente. Tanto e así que a diferenza en horas traballadas nunha semana entre homes e mulleres en Alemaña é de 9, no Reino Unido de 8,9 e en Francia de 5,1.

A maior parcialidade nos contratos das mulleres

Un recente informe da Comisión Europea explica esta realidade en base á maior parcialidade nos contratos das mulleres. Nesta liña, destaca que en Alemaña 50% das mulleres dispoñen de contratos a tempo parcial, unha cifra que no caso do Estado español sitúase en 25%. A este respecto, expón que “a diferenza de Alemaña, Francia e Países Baixos, a maior parte da parcialidade en España é involuntaria, relacionada fundamentalmente con coidados familiares”. Na mesma dirección certifica para o Estado que “a probabilidade de que unha muller estea a traballar a tempo parcial é moito máis alta que entre os homes”.

Galiza é, con Castela A Mancha, o territorio do Estado con máis horas traballadas. Mentres a cidadanía galega traballa unha media semanal de 37,3 horas, esta cifra sitúase en  Euskadi en 35,2 horas, en Cantabria en 35,9 horas, en Nafarroa en 36 horas, no Paìs Valencià en 36,4 horas,  en Andalucía en 36,6 horas, en Estremadura en 36,6 horas, en  Castela e León en 36,8 horas, en Asturias en 36,8 horas, en Catalunya en 36,8 horas, na Rioxa en 36,8 horas, en Madrid en 36,9, en Murcia en 36,9 horas e en Aragón en 37 horas.

A diferenza medra aínda máis analizando as xornadas laborais da Galiza en relación coa dos Estados da Unión Europea, sendo as máis baixas aquelas dos países con maior poder adquisitivo.A duración da xornada laboral galega fica moi lonxe das recomendacións da Unión Europea e dos obxectivos fixados polo propio Estado español.Malia que na Galiza e no Estado español teñen diminuído as horas traballadas nos últimos 20 anos, este descenso é moi inferior ao da media dos países da UE. Mentres Islandia, nación que non fai parte da UE, recortou en 20 anos en 6,4 as horas traballadas, na Galiza a baixada foi inferior a dúas horas á semana.

35 horas á semana para 2050 como obxectivo

O documento España 2050 propón deixar a xornada laboral nesa data en 35 horas á semana. A proposta presentada polo Goberno do Estado busca axeitar as horas de traballo aos estándares dos países europeos atendendo á propia lóxica do mercado de traballo interno.

Neste sentido, o obxectivo do Executivo español pasa por reducir a xornada laboral en 1,6 horas nos próximos 25 anos, unha cifra asumíbel para a media do Estado, á vista do acontecido nas décadas pasadas, mais que deixará a Galiza lonxe das orientacións comunitarias e dos criterios marcados polo Goberno estatal, por razóns de orde estrutural.

Traballo e desenvolvemento

As persoas expertas non dubidan a respecto das vantaxes económicas dunha xornada laboral máis reducida. O profesor da Universitat Oberta de Catalunya (UOC) Manuel Fernández Jaria sinala que “nos casos en que se aplicou este tipo de cambios sempre apareceu un aumento do benestar percibido e unha mellora na produtividade”. Nunha mesma dirección, o seu compañeiro Daniel Toscani afirma que “está demostrado que as persoas que traballan menos horas son máis produtivas”. Na mesma liña, outro docente da UOC, Antonio Fernández García, apunta que “os beneficios económicos pasan por melloras na eficacia dos persoais e no paro estrutural, pero tamén nun aumento do consumo”. Pero hai máis, porque a duración da xornada laboral é un termómetro do nivel de desenvolvemento da formación social.

Comentarios