O Ministerio estuda elevar os anos traballados no cálculo da xubilación

Sindicatos rexeitan a elevación temporal do cómputo.
O ministro de Seguridade Social, José Luís Escrivá (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O ministro de Seguridade Social, José Luís Escrivá (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións do Estado español, José Luis Escrivá, adiantou esta sexta feira que o presentará  en setembro, aínda sen unha data concreta, unha proposta sobre o cómputo dos anos de cotización para as novas realidades do mercado de traballo.

Escrivá expuxo que existen "varias pancas" sobre as que se pode operar. "Unha delas é a ampliación do período de cómputo, máis aló de 25 anos".

"Hai distintas combinacións. 30% das persoas xa non teñen esas carreiras laborais lineais que había antes, que ían de menos a máis, senón que desde a crise financeira, temos maior volatilidade e hai persoas que teñen os seus últimos anos non coas súas mellores condicións", explicou o ministro.

Aínda que diversos sindicatos xa expresaron o seu rexeitamento a aumentar o período de cómputo, o ministro asegurou que a proposta da Seguridade Social terá un "beneficio agregado" e confía en chegar a un acordo cos axentes sociais.

Respecto das pensións actuais, Escrivá garantiu que se actualizarán en novembro de acordo á inflación media, como estabelece a lei, pese ao incremento do IPC ao longo do ano. O ministro lembrou que os ingresos da Seguridade Social tamén están a aumentar, cunha suba de 8,5% en xullo das cotizacións sociais.

"O saldo entre ingresos e gastos o único que reflicte é unha mellora da situación. Está nunha lei que se aprobou no Parlamento para dar total certeza aos pensionistas", recalcou o ministro do Estado español.

Do mesmo modo que as pensións, Escrivá sinalou que se actualizará o Salario Mínimo Interprofesional, compromiso do Executivo estatal para esta lexislatura, aínda que lembrou que é un asunto que concirne á vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

Escrivá precisou que o Grupo de Expertos traballa para determinar cal é o salario medio do Estado español e poder calcular así o 60% desa cifra, que será o SMI para 2023. No entanto, o ministro subliñou que "nunca se fechou ningunha cifra".

Comentarios