O atraso na idade de xubilación aumenta o risco de morte a partir dos 60 anos

Un estudo de Fedea sinala a necesidade de combinar a xubilación flexíbel co aumento da idade legal de xubilación para reducir os riscos na saúde das persoas. 
Traballadores da construción (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera Traballadores da construción (Foto: Xoán Roberes).

Alegando ao "equilibrio" do actual sistema de pensións, o Goberno español  promoveu a extensión da vida laboral por unha dobre vía: a penalización da xubilación anticipada e os incentivos para aquelas persoas que decidan prolongar a súa actividade laboral máis aló da idade efectiva de retiro. 

Porén, un recente estudo alerta de que o atraso dun ano na saída do mercado laboral pode "aumentar significativamente", en cinco puntos porcentuais (de 45% a 50%), o risco de morrer entre os 60 e os 69 anos, unha porcentaxe que se eleva até 76% na cohorte de persoas de 60 a 64 anos que empezaron a cotizar após 1967 e que, polo tanto, xa se ven afectadas polas restricións á xubilación anticipada.

Detrás do documento está Fedea, o think thank do liberalismo, que mesmo chega a pór en cuestión a eficacia das medidas introducidas polo Goberno de Mariano Raxoi en 2012, que atrasaban a idade legal de xubilación, endurecían a anticipada e entorpecía as prexubilacións, así como as últimas variacións neste mesmo senso introducidas polo ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá.

Carga física e estrés 

O estudo ten en conta variábeis como a carga física, a carga psicosocial, a autovaloración no traballo e o nivel de cualificación profesional. Así, o aumento da mortalidade é maior entre as persoas que traballan en sectores con alta intensidade de accidentes laborais, así como entre aquelas sometidos a estrés mental e social antes da xubilación.

Nestes casos, o risco de morte entre os 60 e os 69 anos é 5,3 puntos porcentuais superior para as persoas con traballos de alta carga psicosocial, mentres que no caso das profesións de baixa carga psicosocial é de 3,6 puntos porcentuais.

Algo similar sucede cos obreiros, operarios ou mecánicos, xa cunha alta taxa de sinistralidade laboral. Neste colectivo, o atraso dun ano na saída do mercado laboral incrementa o risco de morrer en 6,6 puntos porcentuais, mentres que noutro tipo de profesións ese incremento é de tan só 3,2 puntos. 

Neste senso, o documento sinala a necesidade de combinar a xubilación flexíbel co aumento da idade legal de xubilación como "unha boa política para mitigar o custo" que supón para o sistema público esta situación, así como permitir a xubilación anticipada nos sectores cunha alta carga física ou mental.

Risco de inequidade 

A este respecto, a Organización Mundial da Saúde (OMS) indicaba no seu informe O Envellecemento e a Saúde, que aumentar a idade para acceder ás prestacións de xubilación era unha forma de garantir a sustentabilidade fiscal dos sistemas de protección social. 

Porén, xa advertía de que "se os anos adicionais se viven en malas condicións de saúde, esta solución posibelmente non sexa a máis adecuada", e apuntaba tamén que unha resposta política xenérica, como aumentar a idade de xubilación, compartiríanse "de maneira inequitativa" entre as persoas de nivel socioeconómico alto, que viven máis e en boas condicións de saúde, e as de nivel baixo, que viven máis pero en peores condicións.

Comentarios