Sindicatos nacionalistas piden ampliar a xubilación anticipada do persoal sanitario

CIG, ELA, LAB e IC compareceron conxuntamente en rolda de prensa.
Manuel González Moreira é o secretario da CIG-Saúde. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manuel González Moreira é o secretario da CIG-Saúde. (Foto: Nós Diario)

A Confederación Intersindical galega (CIG), o Eusko Langileen Alkartasuna (ELA), o Langile Abertzaleen Batzordeak (LAB) e a Intersindical Catalana (IC) reclamaron esta sexta feira o recoñecemento, para este ano 2022, do dereito á xubilación aos 63 anos sen penalización, e aos 60 esta lexislatura, do persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios.

Nunha rolda de prensa conxunta, pediron ao Goberno do Estado español que "respecte, de maneira inmediata, o dereito do persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios, do ámbito público e privado, a xubilarse aos 63 anos, sempre que teñan cotizado o tempo exixido, e que negocie os cambios legais necesarios para conseguir a xubilación ordinaria aos 60 anos durante esta lexislatura".

Neste sentido, solicitaron aos partidos políticos con representación no Congreso español que, prioricen este asunto e que, mostrando o seu "claro compromiso con este persoal esencial" para a sociedade, de cara á aprobación dos próximos orzamentos, condicionen os seus votos á aprobación deste dereito.

Así mesmo, reclamaron aos Gobernos e diferentes Administracións da Galiza, de Euskadi, de Nafarroa e de Catalunya, que articulen mecanismos para "facilitar a xubilación anticipada deste persoal e recuperen aqueles que foron recortados nos últimos anos como son as primas de xubilación anticipada".

Segundo explicaron, a actual lexislación, en materia de Seguridade Social, recoñece o dereito á xubilación anticipada ás persoas traballadoras incluídas en calquera dos réximes da Seguridade Social aos 63 anos, sempre que teñan cotizados entre 38 e 44 anos e 6 meses e que a idade sexa inferior en dous anos, como máximo, á idade exixida que resulte de aplicación en cada caso.

Porén, a articulación dese dereito, implica a aplicación de porcentaxes de redución á contía da pensión que poden alcanzar até un 21% non recuperábel ao cumprir os 65 anos.

"O que demandamos é que o persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios que teña os períodos de cotización recollidos na norma, e cumpra o requisito de cotización, se poida xubilar sen as penalizacións que marca a actual lexislación. E que ademais perciba o complemento de xénero", afirmaron.

Ademais, denunciaron que a situación actual de falta de profesionais na sanidade e nos sectores sociosanitarios é consecuencia da planificación sanitaria realizada durante os últimos 10 anos, que estivo baseada en "recortar persoal, suprimir postos de traballo e adelgazar e privatizar os servizos públicos".

Comentarios