A pensión media de xubilación sitúase na Galiza case 200 euros por baixo da media estatal

Alcanzou en xuño os 1.062 euros.
Dúas persoas maiores (Foto: Arxina).
photo_camera Dúas persoas maiores (Foto: Arxina).

A pensión media de xubilación situouse na Galiza en xuño en 1.062,41 euros, o que supón case 200 euros menos que a media do total do Estado, que chegou aos 1.254,66 euros, segundo datos publicados esta terza feira polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Así, un total de 481.730 galegos e galegas percibiron unha pensión de xubilación, mentres que 71.194 persoas recibiron, de media, 939,89 euros por unha pensión de incapacidade permanente. Ademais, outros 184.502 galegos e galegas ingresaron, de media, 658,01 euros por viuvez.

A pensión media de orfandade quedou nos 432,38 euros na Galiza, que lles correspondeu a 3.396 persoas, mentres que outras 6.806 cobraron este mes de media 565,70 euros por unha pensión en favor de familiares.

En total, 767.628 galegos e galegas recibiron algún tipo de pensión, situándose a pensión media (incluíndo todos os tipos) nos 930,24 euros, por baixo da media estatal, que é de 1.090,18 euros.

Pensións contributivas

No conxunto do Estado, a Seguridade Social destinou neste mes de xuño 10.832,2 millóns de euros ao pago de pensións contributivas, un 4,7% máis que no mesmo mes de 2021, sempre segundo datos do Ministerio.

O departamento que dirixe José Luís Escrivá estima que o gasto en pensións situouse no 11,8% do PIB no sexto mes do ano, porcentaxe inferior ao de 2020 (12,4% do PIB), ano condicionado polo impacto da pandemia sobre o PIB, e tamén máis baixo que o de 2021 (12,1% do PIB).

Xunto coa nómina ordinaria, en xuño abónase a extraordinaria, cuxo importe ascende a 10.536,1 millóns de euros, o que representa un incremento do 6,6% (5% en termos homoxéneos) respecto de 2021.

En concreto, a paga extraordinaria recíbena 9,9 millóns de pensións que perciben preto de nove millóns de pensionistas (8.999.581). A súa contía media é de 1.062,43 euros, un 5,8% máis que en xuño de 2021.

Pensión media

A pensión media do sistema, que comprende as distintas clases de pensión (xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e en favor de familiares), ascende en xuño a 1.090,2 euros mensuais, un 5,5% máis.

A pensión media de xubilación do sistema, pola súa banda, situouse en 1.254,7 euros no sexto mes do ano.

Por réximes, a pensión media de xubilación procedente do Réxime Xeral é de 1.403,9 euros ao mes, mentres que a máis baixa rexístraa o Réxime de Autónomos, de 835 euros mensuais. Na Minería do Carbón, a media de xubilación mensual sitúase en 2.445,5 euros e é de 1.392,2 euros no Réxime do Mar.

Comentarios