Estes son os concellos coas pensións máis altas e máis baixas da Galiza

Tres de cada cinco concellos galegos presentaban en 2021 pensións medias inferiores aos 900 euros ao mes 
Dúas persoas maiores nun parque público de Compostela (Foto: Europa Press).
photo_camera Dúas persoas maiores nun parque público de Compostela (Foto: Europa Press).

A pensión media na Galiza rematou o ano 2021 en 1.011,09 euros, aínda que case a metade das galegas e os galegos que ingresan unha pensión perciben retribucións inferiores a 780 euros e 10% non chega a 505 euros.

Así se desprende dos datos publicados onte polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o balance anual das pensións contributivas na Galiza, das que se benefician 671.786 persoas no país, na súa maioría (50,4%) mulleres, que cobran 33% menos que os homes.

Da análise por grupos de idade despréndese que os homes cobran máis que as mulleres en todos os grupos, especialmente nos tramos coas retribucións máis altas, é dicir, os de 55 a 64 anos (38% máis) e entre 65 a 74 (case 33%).

Outro dato que reflicte a desigualdade entre sexos está en que máis de 25% dos homes teñen pensións por encima dos 1.400 euros, unha contía que só exceden 10% das mulleres que reciben pensións na Galiza. 

Case 81% do total de pensionistas teñen 65 anos ou máis, sendo o grupo maioritario das persoas que teñen entre 65 a 74 anos (127.605 homes e 107.725 mulleres).

Dentro do territorio, o maior número de pensionistas rexístrase na zona atlántica, pois suman máis de 70% das que perciben pensións contributivas, mentres que os concellos do interior achegan 23,4%, distribución que coincide coa repartición de poboación galega.

Así as cousas, o número de pensionistas incrementou 5,8% na Galiza na última década. Pola súa parte, o importe medio da pensión aumentou en 225,63 euros, 28,7% respecto a os datos de 2011, sempre segundo os datos do IGE.

Diferenzas territoriais

Máis un ano, As Pontes é o municipio galego coas pensións máis altas, cunha media de 1.525 euros, seguido dos concellos de Fene, con 1.343 euros; Cervo, con 1.385; Ferrol e A Coruña, con 1.277 e 1.230,09, respectivamente.

No extremo contrario sitúase o municipio de Avión, onde as e os pensionistas cobran de media 627 euros, e Santa Comba, concello no que perciben 681 euros. Padrenda, con 685; Tordoia, con 689 e Baltar, con 689 euros, son os outros concellos coas pensións medias máis baixas da Galiza.

En xeral, 60% dos municipios teñen medias de menos de 881 euros e só en 54 supéranse os 1.000 euros. As pensións máis altas están nas áreas das sete cidades, a Mariña, Valdeorras, As Pontes, Bueu, o Barbanza, Baiona e Cee. 

Comentarios