A maioría do persoal laboral ten un contrato inferior a 40 horas semanais

O desemprego baixou na Galiza en 1.600 persoas entre abril e xuño, o que supón un descenso de 1,14% con respecto ao trimestre anterior, ficando o número de persoas desempregadas en 139.400, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do segundo trimestre, publicada esta quinta feira polo Instituto Estatal de Estatística (INE). Os datos tamén amosan que máis da metade da poboación ocupada da Galiza ten xornadas de traballo de menos de 40 horas á semana.
A modalidade parcial supón xa 50,1% de todos os contratos existentes na Galiza. (Foto: Arxina)
photo_camera A modalidade parcial supón xa 50,1% de todos os contratos existentes na Galiza. (Foto: Arxina)

A taxa de desemprego alcanza 11,2% da poboación activa, dúas décimas menos que no trimestre anterior, que estaba no 11,4%. Así, a taxa de desemprego galega sitúase un punto porcentual por baixo da media estatal, que foi de 12,48%. A ocupación aumentou en 1,27% no conxunto do país, con 13.900 novos postos de traballo con respecto ao trimestre anterior.

Desta maneira, o número de persoas ocupadas na Galiza situouse nos 1,10 millóns, 2,65% máis que no mesmo trimestre de 2021, gañando 28.500 novos postos desde xuño do ano previo, dos que 52% son homes e 48%, mulleres. O número de persoas desempregadas descendeu en 12.900 nos últimos doce meses, 8,49% menos que entre abril e xuño do exercicio previo. Do total de 139.400  persoas desempregadas, 48,5% son homes e 51,5%, mulleres.

Porén, a ocupación con respecto ao trimestre anterior aumentou na Galiza a menor ritmo que no conxunto do Estado español, sendo o sexto territorio estatal cun peor resultado. Mentres que a Galiza experimentou unha suba de 1,27% na ocupación con respecto ao trimestre anterior, esta porcentaxe de incremento no Estado foi de 1,91%.

Con respecto ao aumento de persoas ocupadas, a Galiza volve estar por baixo da media estatal, mentres o número de novas contratacións aumentou 2,65% no país, no conxunto do Estado foi de 4,05%, sendo neste caso o territorio galego o sétimo con peores datos. 

Ademais, na Galiza hai máis de 1,24 millóns de persoas activas (persoas con emprego ou na súa procura), o que supón 0,99% máis que no trimestre anterior e 1,27% máis que entre abril e xuño de 2021. Deste modo, a taxa de actividade alcanzou 53,16% na Galiza, até cinco puntos porcentuais por baixo da media do Estado español, que se situou en 58,71%.

Contratación parcial

A EPA amosa que máis da metade da poboación ocupada da Galiza ten xornadas de traballo de menos de 40 horas á semana. En concreto, 50,1% das persoas ocupadas na Galiza traballa menos de 40 horas semanais, cando no trimestre anterior esta cifra atinxía 48,3%.

Así, o colectivo que máis medrou neste período foi o que declara traballar entre 20 e 29 horas semanais, que se incrementou en 43.200 persoas. Pola contra, o grupo que máis se reduciu é o de 40 a 49 horas.

Reacción dos sindicatos

A CIG criticou que a última reforma laboral "siga a influenciar de modo negativo no mercado laboral, provocando un aumento da parcialidade do emprego e a conseguinte redución dos ingresos da clase traballadora". "A ocupación baixa na construción e na industrias, e o único medre, ademais de no sector servizos, rexistrouse no primario, especialmente na pesca", destacou o sindicato.

Pola súa parte, CCOO destacou que a Galiza "ten máis e mellor emprego", mais que "agora toca mellorar a protección social". "O incremento do emprego en 2022 é inferior ao do ano anterior polas mesmas datas", engadiron.

A UXT advertiu "que os indicadores na Galiza son peores que no resto do Estado". Ademais, o sindicato defendeu que "a mellora do emprego exixe unha suba xeneralizada dos salarios".

Comentarios