Baixa o paro en 1.600 persoas mais a ocupación medra a un ritmo inferior ao do Estado español

Na Galiza, segundo os últimos datos da EPA, creáronse 13.900 novos postos de traballo no segundo trimestre de 2022.
Oficina do Servizo Público de Emprego en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Oficina do Servizo Público de Emprego en Compostela. (Foto: Arxina)

O paro baixou na Galiza en 1.600 persoas entre abril e xuño deste ano, o que supón un descenso de 1,14% a respecto do trimestre anterior, ficando o número de persoas desempregadas en 139.400, segundo datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) correspondente ao segundo trimestre, publicada esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Pola súa parte, a ocupación aumentou en 1,27% no conxunto do país, con 13.900 novos postos de traballo en comparanza co trimestre anterior.

Deste modo, o número de persoas cupadas na Galiza situouse nos 1,10 millóns, isto é, 2,65% máis que no mesmo trimestre de 2021, gañando 28.500 novos postos desde xuño de 2021, dos que case 52% son homes e 48%, mulleres.

Na Galiza 51,5% das persoas paradas son mulleres, por volta de 48,5% de homes

O número de persoas paradas descendeu en 12.900 nos últimos doce meses, 8,49% menos que entre abril e xuño do exercicio previo. Do total de 139.400 desempregadas e desempregados, 48,5% son homes e 51,5%, mulleres.

Datos estatais

A nivel estatal, o paro baixou en 255.300 persoas entre abril e xuño deste ano, o maior descenso para un segundo trimestre desde 2018, e o número de persoas paradas caeu por baixo dos tres millóns por vez primeira desde 2008.

Aliás, a ocupación aumentou en 383.300 postos de traballo entre abril e xuño, 1,91% máis a respecto do trimestre anterior, aínda que supón unha cifra máis baixa que o incremento de 464.900 de traballadores e traballadoras que se rexistrou hai un ano.

Ao finalizar xuño, o número total de parados e paradas situouse en 2.919.400, e o de persoas ocupadas, en 20.468.000, sempre segundo os datos da EPA.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios