A industria galega perdeu 33.555 empregos desde 2009

A suba dos custos enerxéticos vén comprometer aínda máis a delicada saúde do complexo industrial galego, que perdeu entre 2009 e 2019 un de cada cinco empregos. O cese parcial da actividade das grandes empresas electrointensivas non é máis que o sinal para a paralización doutras empresas transformadoras.

Manifestación de traballadores de Alcoa (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Manifestación de traballadores de Alcoa (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O 18 de febreiro a metalúrxica naronesa Megasa anunciaba a paralización da súa actividade. Uns días máis tarde, o grupo Xeal, propiedade do fondo de investimento TPG, repetía a operación coas súas factorías da Costa da Morte, facendo o propio a compañía Ferroatlántica coa súa planta de Arteixo. Con esa solución ameazan agora varias sociedades dedicadas á transformación de aluminio como Cortizo ou Exlabesa. Só Celsa da Laracha e Alcoa de Cervo manteñen algunha actividade entre as electrointensivas, malia queixarse das grandes diferenzas entre o custo da súa tarifa e os seus competidores do resto da Unión Europea. Tanto é así que a diferenza de tarifa con Alemaña é de 11,4 euros megawatt por hora e con Francia de 12,9 euros megawatt a hora.

O incremento do prezo da factura eléctrica afecta o conxunto do complexo industrial, cuxa posición veuse complicando desde 2008. Así, entre  2008 e 2021 o valor xerado polas manufacturas galegas reduciuse en perto de 8%, mentres o sector manufactureiro alemán incrementou o seu valor engadido bruto en 29%. Ao tempo, a Galiza perdeu nos últimos 14 anos 33.555 empregos no sector industrial, pasando de 154.860 postos ocupados en decembro de 2008 a 121.305 na actualidade. Neste sentido, a profesora da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela María Cadaval sinala a Nós Diario que "a Galiza leva perdido un de cada cinco empregos industriais desde o ano 2008".

Unha crise que vén de lonxe

A crise do sector industrial remóntase a 2008. Mesmo nas últimas anualidades anteriores á pandemia, o complexo manufactureiro presentou resultados negativos, perdéndose 383 empresas do sector. Segundo se recolle no traballo do Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza (Idega) da USC, A economía galega. Informe 2019/2020, "a comezos de 2019 a Galiza contaba con 388 empresas industriais menos que en 2018, das que 268 tiñan menos de 10 traballadores e 120 eran de maior tamaño. Iso supón unha nova perda na dimensión dun sector que viu como de contar en 2008 con 214.600 ocupados, pasou a 179.400 en 2019 e, en termos de empresas industriais, de 15.089 a 12.347".

A produción industrial está moi por baixo das cifras de 2008, non conseguindo recuperar en ningún dos exercicios os niveis anteriores á crise. Neste sentido, os autores do relatorio  A economía galega. Informe 2019/2020 destacan que "a produción industrial en 2019, que como indicamos foi inferior  á de 2018, distaba aínda moito de alcanzar a lograda na  primeira década deste século. Así, mentres o valor medio do Índice de Produción Industrial (IPI) xeral en 2007 (base 2015) era 140,1, en 2019 era 105,1; cunha diferenza de 35 puntos que reflicte unha preocupante caída na actividade industrial". Ao tempo, en 2019 só os sectores da alimentación, bebidas, papel, químicas e outras industrias manufactureiras superaban a produción de 2007.

A crise bateu con forza tamén, naquelas empresas de maior dimensión. Así, entre 2008 e 2019, a Galiza perdeu 1.031 empresas que superaban os 9 traballadores, o que supón unha caída de 37,5%, algo particularmente grave nun sector como o industrial, onde o tamaño é importante para aproveitar as economías de escala e favorecer a internacionalización.

En relación con isto, o economista da USC Gonzalo Rodríguez afirma a Nós Diario que "neste caso o tamaño si importa". As empresas, sinala, "necesitan lograr unha escala mínima para poder exportar e innovar" e lembra que "as empresas de menos de 50 empregados representan na Galiza o 94,43% do total".

A necesidade dun novo paradigma industrial

Cadaval entende que "a Galiza non pode seguir baseando o seu piar industrial nun abastecemento barato de enerxía ou man de obra, senón que debe saber pór en valor os seus factores de produción". A crise "era previsíbel", continúa Cadaval, que lembra que "xa hai máis dunha década que o horizonte estaba posto en 2020 e 2030. O sector industrial vén sufrindo unha transformación e nesa mudanza non se está cambiando a industria nova pola vella".

"A desindustrialización que se constata clama por unha reacción inmediata que aposte por reforzar os sectores estratéxicos e os tractores. A industria agroalimentaria, a forestal, a enerxética limpa, a farmacéutica, a  nanotecnolóxica, o motor ou a intelixencia artificial son só algúns dos sectores produtivos onde ten vantaxes comparativas e competitivas, que poden protagonizar ciclos produtivos completos", conclúe Cadaval.

A central das Pontes volve funcionar

Endesa reactivou na madrugada da terza feira a térmica das Pontes, concretamente un dos seus catro grupos, tras ser revisado por persoal técnico. A entrada en funcionamento deste complexo eléctrico produciuse como consecuencia da suba da luz e de fixar un prezo competitivo.

Comentarios