Dúas de cada tres asalariadas a xornada parcial gañou menos de 824 euros ao mes

O Instituto Galego de Estatística analiza os datos de 2020 e sinala o sexo e a formación como factores determinantes na distribución salarial.
O nivel de formación inflúe na realidade salarial galega.. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera O nivel de formación inflúe na realidade salarial galega. (Foto: César Arxina / Europa Press)

O Instituto Galego de Estatística presentou esta cuarta feira un estudo sobre os salarios das persoas traballadoras da Galiza a partir dos datos da enquisa de poboación activa (EPA) do ano 2020. 

Nel, constata que o tipo de xornada laboral é un factor "determinante" á hora de analizar as retribucións, pois os traballadores e traballadoras que contan con xornadas parciais concéntranse con maior frecuencia nos tramos salariais máis baixos. 

Nesta liña, o estudo recolle que en 2020 o 66,80% das persoas asalariadas que contaban na Galiza cunha xornada parcial gañou menos de 824,7 euros mensuais (en termos brutos); o 16,15% entre 824,7 e 1.144,5 euros e, finalmente, 17,05% restante máis de 1.144,5 euros.

Pola contra, entre as persoas asalariadas con xornada completa, a porcentaxe das que ingresaron menos de 824,7 euros ao mes sitúase no 0,74%.

Este colectivo, o de asalariadas con xornada completa, representaba segundo o IGE o pasado ano 85,97% do total de asalariados e asalariadas de Galiza. 

Unha de cada cinco delas (20,58%) ingresou menos de 1.325,6 euros ao mes; o 44,64% recibiu unha retribución salarial de entre 1.325,6 e 2.112,4 euros e algo máis da terceira parte (34,78%) máis de 2.112,4 euros.

Porén, o tipo de xornada non é o único factor a ter en conta. En 2020, o sexo tamén o foi, aínda que é certo que a fenda de xénero tense reducido considerabelmente nos últimos anos. 

Con todo, o pasado ano só 20,18% dos homes recibiu un salario inferior aos 1. 325, 6 euros mensuais, porcentaxe que no caso das mulleres ascende a 40,37%. Neste caso o dato da xornada volve ser determinante, pois en 2020 só 5,93% dos homes tiña xornada parcial fronte a 22,6% das mulleres. 

A formación, chave

Segundo destaca o IGE, en termos xerais, o salario increméntase a medida que aumenta o nivel de formación da persoa.

En 2020 case a metade (47,81%) das persoas asalariadas con estudos superiores ingresou máis de 2.112,4 euros ao mes; o 19,67% das persoas con educación secundaria de segunda etapa completada ingresa máis desta cantidade.

Esta porcentaxe sitúase no 8,83% para as persoas que non completaron a segunda etapa da educación secundaria e no 5,46% para as persoas analfabetas ou con estudos primarios.

En 2020, máis da metade (51,91%) da poboación galega con menor nivel de formación (analfabeta ou con estudos primarios) percibiu un salario inferior aos 1.325,6 euros ao mes.

Comentarios