A Galiza, á cola do Estado no descenso do paro en abril, con 2.734 persoas desempregadas menos

O número de persoas desempregadas no noso país sitúase agora mesmo en 150.602, 20.176 parados e paradas menos que hai un ano (-11,81%).
Oficina do SEPE, imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Oficina do SEPE, imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O número de persoas paradas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego da Galiza descendeu en 2.734 persoas, 1,78% menos, segundo datos publicados esta cuarta feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social.

O número de persoas desempregadas no noso país sitúase agora mesmo en 150.602, 20.176 parados e paradas menos que hai un ano (-11,81%).

A Galiza é unha das autonomías do Estado español onde menos descendeu o paro en abril, coas Illas Baleares á cabeza, onde caeu 15,31%, seguida de Andalucía (-4,07%).

Na Coruña o paro baixou en 1.427 persoas en abril, até 59.363 desempregadas, mentres que en Lugo creáronse 409 postos de traballo, quedándose con 14.248 parados. En Pontevedra, o número de persoas desocupadas baixou en 947 persoas, até 59.633. Ourense foi a única provincia na que creceu o desemprego, con 49 parados máis, 17.358 persoas en total.

Do total de 150.602 persoas desempregadas na Galiza, máis de 58% son mulleres. Por franxas de idade, destaca que 4,2% son persoas de menos de 25 anos de idade.

Valoración da CIG

O secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, afirmou que os datos non son "para nada positivos".

Sío sinalou non entender a "euforia" que está a amosar o Goberno español e o Ministerio de Traballo, xa que o emprego creado é "case exclusivamente" estacional ligado aos servizos, mentres que sectores como o primario ou a construción rexistraron descensos do paro "testemuñais" e na industria mesmo medou o desemprego.

En relación á defensa da reforma laboral que o Executivo estatal fixo nas últimas horas, o sindicalista manifestou que se están a deixar ver "de maneira preocupante" algúns efectos "preocupantes".

Neste sentido, subliñou que a contratación temporal está a ser substituída pola parcialidade do emprego, sinalando que este tipo de contratos e os fixos discontiinuos "supoñen xa 60% dos contratos indefinidos que se rexistran".

Datos "espectaculares"

A vicepresidenta do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asegurou que os datos de desemprego no conxutno do Estado español foron "espectaculares".

"Aínda que o Estado español ten un grave problema estrutural de paro, temos que recoñecer cando as cousas van ben. A reforma laboral cambiou o paradigma de contratación no Estado, e iso non é pequena cousa", engadiu.

Comentarios