O sector servizos fai descender o paro en case 4.500 persoas en maio na Galiza

60% dos contratos indefinidos foron fixos descontinuos ou parciais.
A pesar das dificultades para atopar profesionais, a hostalaría é un dos sectores que tirou do emprego na Galiza en maio. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A pesar das dificultades para atopar profesionais, a hostalaría é un dos sectores que tirou do emprego na Galiza en maio. (Foto: Nós Diario)

A Galiza fechou o mes de maio con 146.120 persoas desempregadas. Son 4.482 menos que en abril (-2,98%) e 19.186 (-11,61%) se a comparación se fai co mesmo mes do ano anterior, segundo os datos publicados onte polo Ministerio de Traballo e Economía Social.

O desemprego diminúe en todos os sectores de actividade, aínda que 73,4% da redución débese en gran medida ao sector servizos, a pesar das dificultades que está a ter na hostalaría para atopar profesionais que cubran as vacantes.

En concreto, no sector primario galego hai 75 persoas desempregadas menos, 549 na industria, 307 na construción e 3.293 nos servizos. No colectivo das persoas que logran o seu primeiro emprego, hai 41 paradas menos.

Desde os sindicatos celebran a boa evolución das cifras, aínda que chaman a atención sobre o aumento da parcialidade na contratación indefinida. Neste senso, a CIG destacou que 60% dos contratos indefinidos asinados na Galiza o mes pasado foron fixos descontinuos ou a tempo parcial, o que provocará, alertan, un descenso das rendas nun contexto marcado por unha forte suba dos prezos.

Tamén inciden no feito de que o sector servizos, "con maior precariedade laboral e parcialidade na contratación", foi o que máis contratos novos rexistrou.

"Estas cifras colocan Galiza como o quinto territorio do Estado onde menos descendeu o desemprego, nunha época na que adoita producirse un descenso estacional vinculado á proximidade do verán", lamentou a organización sindical.

Problemas estruturais

Pola súa parte, a secretaria de Emprego de Comisións Obreiras (CCOO), Maica Bouza, reivindicou a necesidade dun plan para dar solución aos sectores con problemas estruturais no país.

 A este respecto, sinalou que os datos do paro de maio reflicten que a contratación indefinida multiplica por catro os valores de hai un ano, pero estas cifras "non poden facer esquecer que na Galiza hai sectores produtivos, especialmente industriais, que arrastran problemas estruturais sen resolver".

Ante este escenario, Bouza, demandou da Xunta un "plan de actuación real para paliar as consecuencias da crise actual" no tecido produtivo galego e non "simples medidas cosméticas".

Desde UXT tamén poñen deberes ao Executivo galego, pois advirten de que, a pesar dos "bos" datos, os indicadores son peores que no resto do Estado, polo que urxen políticas activas de emprego máis eficaces e unha suba xeneralizada dos salarios.

Preguntado polos motivos que xustifican esta menor caída, o secretario xeral de UXT-Galiza, José Antonio Gómez, explicou que "seguramente" teña que ver coa reactivación noutros territorios que dependen máis do sector turístico. "Teñamos en conta que a maior caída do desemprego, aínda que cae en todos os sectores, vén vinculada ao sector servizos", abundou.

Finalmente, a Xunta destacou que o número total de parados na Galiza situouse en maio por baixo das 150.000 persoas por primeira vez desde 2008, cando estalou a crise financeira e que, desde o inicio da pandemia, o desemprego reduciuse 12,1%, fronte a 9,95% da media estatal.

Comentarios