A folga de Vigo de 1972, un punto e á parte na historia contemporánea da Galiza

As folgas de 1972 en Ferrol e Vigo marcaron un punto de inflexión na historia recente da Galiza. A un tempo, amosaron a combatividade e o espírito de loita  da clase obreira e testemuñaron o rexeitamento á ditadura de amplas capas da sociedade galega. As loitas obreiras de 1972 seguen a ser futuro.
Paulo Carril e Alberte Gonçalves presentando a homenaxe ás loitas de 1972. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Paulo Carril e Alberte Gonçalves presentando a homenaxe ás loitas de 1972. (Foto: Nós Diario)

A capacidade de loita do proletariado vigués ficou testada ao longo de 1972. Os asasinatos o 10 de marzo dese ano de Amador Rei e Daniel Niebla, mentres participaban nunha mobilización operaria en Ferrol, deron paso a unha folga xeral de solidariedade en Vigo, paralizándose importantes centros de traballo, como Citroën, e convocándose grandes manifestacións na cidade, como a decorrida na Porta do Sol, onde chegaron a xuntarse máis de 1.000 persoas.

O 9 de maio volveron á carga os operarios vigueses a conta dun conflito no estaleiro Barreras que se alongou até o día 25, como consecuencia da decisión da empresa de retallar as condicionais laborais do cadro de persoal, respondendo os traballadores coa demanda dun novo convenio. As manifestacións de 23 e 24 de maio de máis de 3.000 obreiros do estaleiro polas rúas da cidade foron respondidas por diversas cargas da policía armada, sumándose ao paro en apoio a Barreras os obreiros dos estaleiros e fábricas Vulcano, Freire, Álvarez ou Yarza. O conflito trouxo como resultado o expediente a 46 empregados de Barreras, porén a empresa rematou por aceptar as principais reivindicacións dos folguistas.

Outro 9, neste caso 9 de setembro de 1972, os traballadores de Citroën convocaron un paro parcial demandando melloras no convenio. A empresa respondeu despedindo varios traballadores, seguido da paralización total da factoría esixindo a súa readmisión e a extensión do conflito a outros centros de traballo, como Santo Domingo, Barreras, Vulcano, Álvarez e Yarza, en solidariedade cos expedientados.

A folga estaba lanzada en toda a cidade. Así, na tardiña de 11 de setembro comezaron a erguerse barricadas no centro de Vigo, iniciándose os primeiros enfrontamentos coas forzas da orde, reforzadas pola chegada á cidade de unidades da policía armada de León e Valladolid, que mesmo non dubidaron en disparar contra os manifestantes. Cinco días máis tarde, chamouse á folga xeral en toda á aérea de Vigo, porén a partir do 21 a represión endureceuse aínda máis, iniciándose o 25 a volta ao traballo, ficando atrás centos de traballadores detidos e 4.000 despedidos.

As protestas de Vigo só puideron ser derrotadas mediante a represión. A primeira, executada pola patronal, concretouse nos despedimentos masivos, sinalando A Voz do Pobo e Terra e Tempo, que se tiñan enviados máis de 4.000 notificacións de cesamento de contrato, ficando 400 operarios na rúa até 1977. A segunda, desenvolta polo aparato do réxime, tivo como protagonistas as forzas de seguridade do Estado, pasando polas comisarías da cidade centos de traballadores.

As comisarías de Vigo funcionaron nese momento como centros de tortura. Significáronse neste cometido algúns dos máximos responsábeis da policía e da Brigada Político Social (BPS) na cidade como Waldo López Mazaira ou Benito Alejos, números destes corpos como Carou, Manolo Rivera, París, ou Mosquera, sendo reforzados por efectivos desprazados desde Ferrol e o resto do Estado.

Homenaxe da CIG

A Confederación Intersindical Galega (CIG) quere lembrar esas loitas e homenaxear os traballadores que as fixeron posíbeis. Nese sentido, programa un amplo calendario de actos que arrancarán o 13 de setembro coa proxección dun audiovisual e rematan o 22 de setembro cunha manifestación nacional. A este respecto, o filme preparado pola central sindical baixo o título de 1972. Unha folga que mudou a nación galega recolle o testemuño de varios dos protagonistas directos daquelas loitas.

Paulo Carril

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, afirmou que os actos impulsados por este sindicato baixo o lema 'Somos clase. Somos Nación. A loita continúa' buscan “agradecer, homenaxear e expresar a admiración aos traballadores que fixeron posíbel esas loitas, como exemplo de resistencia, coherencia e de convencemento na autorganización da clase traballadora e do pobo galego en xeral, na creación de instrumentos que a fixeran posíbel e na loita como medio para garantir e conquistar dereitos”.

Paulo Carril e mais o secretario da CIG en Vigo, Alberte Gonçalves, denunciaron onte a negativa do Goberno municipal de Vigo a instalar na cidade un monumento elaborado polo escultor Javier Diéguez e sufragado polo sindicato para homenaxear os protagonistas das loitas de 1972. Carril lamentou que “o Concello de Vigo estea convertendo esta data en motivo de confrontación” e solicítalle que acolla "todos os actos e as diversas iniciativas de recoñecemento dunha data tan importante como o de setembro de 1972”.

Un conflito chave para o sindicalismo galego

O presidente da Fundación Moncho Reboiras, Xesús Seixo, sinala a Nós Diario que “as folgas de 1972 en Vigo demostraron a capacidade de loita do proletariado galego, a súa decisión de enfrontarse á ditadura e o seu alto sentido de solidariedade de clase”.

Seixo entende que aquel conflito “resultou chave para a conformación do sindicalismo nacionalista. Antigos membros de Galiza Socialista ou da propia Organización Obreira integráronse na Fronte Obreira da Unión do Povo Galego, non tardando en comezar coa articulación dos xermes sindicais que foron a base para a fundación do Sindicato Obreiro Galego en 1975”.

O responsábel da fundación Moncho Reboiras considera que “o pouso de 1972 está presente na práctica sindical da CIG, sobre todo no que ten de combativa, de non pactista e de ir a un cambio de sistema, ir ao socialismo, e loitar pola soberanía nacional”.

Comentarios