Xurxo Lobato expón retratos das persoas perseguidas polos sucesos de Ferrol de 1972

Os rostros da represión toman ás rúas

O fotógrafo Xurxo Lobato exhibe a gama de grises da ditadura: a represión e a loita pola democracia. Unha exposición con retratos das persoas que participaron nas mobilizacións de marzo de 1972 percorre os concellos de Ferrolterra como homenaxe a quen arriscaron as súas vidas para combater o fascismo. 
Cartaz da exposición deXurxo Lobato.
photo_camera Cartaz da exposición deXurxo Lobato.

Trinta nomes propios que lle poñen rostro ás protestas obreiras de 1972, as que deron orixe ao Día da Clase Obreira Galega. Xurxo Lobato -un dos máis reputados fotógrafos do país- buscou as persoas que sufriron a represión do franquismo por participar naquelas manifestacións que puxeron en xaque o réxime, co obxectivo de renderlles homenaxe e de, como el mesmo di, "lembrar a débeda que a sociedade ten con eles". 

Rostros da memoria. Ferrol 1972 é o proxecto resultante, unha mostra itinerante que, tras o seu paso por Fene, viaxa agora até Cedeira. Trinta retratos en branco e negro que lembran aqueloutro branco e negro dunha época de opresión mais tamén de combate. 

"Todo comezou cunha chamada que me fixo Rafael Pillado [histórico sindicalista de CCOO] explicándome que as asociacións Fuco Buxán e Memoria Democrática, co apoio dos concellos da zona, querían estender os actos de conmemoración do cincuentenario dos sucesos de 1972 ao longo de todo o ano e que desexaban que diferentes creadores artísticos participásemos neles", explica Lobato en conversa con Nós Diario. "Eu xa fixera en 2007 un proxecto, Rostros da memoria, con retratos de xente represaliada pola ditadura, e pensei que expandir ese proxecto centrándoo naqueles acontecementos sería acaido para esta lembranza". 

O máis difícil foi atopar os protagonistas daquela revolta democrática. Lobato tivo que iniciar unha investigación para dar con aqueles activistas da loita antifranquista. "Tiñamos nomes, pero había que buscar os contactos. Pasaron moitos anos e, en moitas ocasións, non sabiamos sequera se a persoa que buscabamos estaba viva. Mais a procura deu resultados bastante positivos: eu esperaba atopar dez ou doce e atopamos trinta. Falta moita xente, claro está, pero o proxecto xa toma algo de corpo". 

 

A mirada ferida 

A austeridade e a sobriedade mandan na estética duns retratos que teñen como motivo a dor provocada pola represión, a expresión dunha mirada que evoca aquel tempo dramático. "Son primeiros planos sobre fondo negro, porque non quería que houbese ningún elemento que distraese a atención. Non son retratos sociolóxicos que presenten a persoa protagonista no seu ambiente, senón que se centran na expresividade do rostro. Esa é tamén a razón de que estean feitos en branco e negro. Eu traballo habitualmente en cor, pero todo depende do que pida o proxecto: neste caso, temos que ter en conta que o branco e negro é, en realidade, unha amplísima gama de grises, o que se axusta moi ben ao tema". 

A cicatriz que deixaron aqueles días pode apreciarse na mirada dos retratados, que Lobato reproduce cunha serenidade que conmove á persoa que contempla a obra. "Eu sentábaos ante a cámara e limitábame a pedirlles que mirasen ao obxectivo pensando no que sucedía no 72. E no momento en que dicía iso, cambiaba completamente o xesto, producíase unha transformación abraiante. E aí é cando eu disparaba". 

O rostro, di a sabedoría popular, é o espello da alma. Neste caso, a pegada da ditadura pode apreciarse nesa mirada ferida captada por Xurxo Lobato. "É a mirada de persoas que sufriron represión, castigos, cadea, tortura.. Eles foron os loitadores que axudaron a acabar coa ditadura", proclama o fotógrafo. "E eu quería que o público que vise estas fotos se metese na pel desas persoas". 

Contextualizada por textos dos historiadores Lourenzo Fernández Prieto -profesor da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do proxecto Nomes, Voces e Lugares- e Ánxela Loureiro -escritora e historiadora das folgas de Ferrol, que se saldaron coa morte dos traballadores de Bazán Amador Rey e Daniel Niebla polos disparos da policía franquista- e polo manifesto das entidades organizadoras, a exposición está constituída por varios módulos preparados para ser expostos nas rúas, como se o fotógrafo quixese devolverlle á rúa o que comezou na rúa. 

Tomar a rúa

"Efectivamente, a miña pretensión era que a exposición saíse á rúa en busca da xente. Os retratados están aí porque participaron dun movemento democrático que tomou a rúa, e con esta forma de exhibir as fotos quería que a rúa volvese ser protagonista, que os represaliados volvesen ao encontro da cidadanía nas rúas de Ferrolterra. Creo que cincuenta anos despois, merecen ser tratados xa non só como loitadores, senón como heroes".

Comentarios