Xesús Chaves, militante de Organización Obreira

"Os heroes do 72 foron os traballadores galegos"

Xesús Chaves Fandiño é un dos nomes propios das folgas viguesas de 1972. Militante de Organización Obreira e fundador en 1975 do Sindicato Obreiro Galego, antecedente da CIG, achéganos ás protestas de setembro de 1972 en Vigo e o papel nas mesmas da estrutura sindical de Organización Obreira.

Chaves
photo_camera Xesús Chaves era traballador de Citroën en 1972. (Foto:Nós Diario)

Unha das referencias míticas das loitas viguesas de setembro de 1972 é Organización Obreira (OO), mais que era realmente esta organización?

Organización Obreira nace precisamente para contrarrestar a política pactista do Partido Comunista (PC) a partir dos anos 60 coa sinatura do Pacto pola Liberdade e pola Reconciliación Nacional. Isto vai provocar unha sorte de rebelión interna entre a base do PC, divisións e mesmo cismas. Un deles dáse en Vigo con militantes do partido, das Xuventudes Comunistas e incluso con dirixentes das Comisións Obreiras.

Neste contexto nace Organización Obreira, como fronte sindical, e a OMLG (Organización Marxista Leninista Galega), como fronte política. Os cadros da nova formación eran todos militantes veteranos pero novos de idade, con implantación e prestixio nas principais factoriais de Vigo, Ferrol e incluso A Coruña.

As diferenzas centrais co PC eran que OO estaba en contra das políticas de pacto social coa burguesía, defendía o dereito de autodeterminación para a Galiza e empregaba o galego como lingua oficial.

A que reivindicacións responderon as mobilizacións de Vigo de 1972?

En Vigo mitifícase moito setembro de 1972. Setembro de 72 foi a última fase do proceso. En realidade, distinguiuse como unha explosión de solidariedade, xenerosidade e combatividade da clase obreira galega.

Nese sentido, non foi simplemente unha folga. Nós xa comezamos en xaneiro de 1972 a movernos e informar os traballadores tras rachar o 27 de decembro de 1971 as negociacións do convenio de Citroën. Esta primeira mobilización durou arredor de 15 días até a publicación dun laudo pola autoridade laboral.

Ao tempo, en marzo de 1972, estoupan as protestas en Ferrol que rematan co asasinato dos compañeiros Amador e Daniel e isto en Vigo ten unha repercusión enorme, con paros de solidariedade nas principais empresas e unha gran manifestación de solidariedade o día 15 de marzo. E xa nese día, OO toma a cabeza da manifestación e enfróntase ás forzas da orde, o que xera unha dura represión con detidos a esgalla, demostrándose que Vigo estaba en pé en repulsa cos feitos de Ferrol.

E así chegamos a maio cun conflito de máis de 15 días en solidariedade cos compañeiros de Barreras e aí percibiuse que a conciencia obreira estaba callando na cabeza de todos os traballadores.

E nese contexto chégase ao mes de setembro.

Si, nós desde OO seguimos organizando e temos contacto con outras formacións, as nosas relacións eran especialmente boas coa UPG a través do compañeiro Moncho Reboiras, que desde o primeiro momento ofreceuse a nós e mesmo nos agasallou unha multicopista. E que pasa en setembro de 1972? A folga de setembro foi unha pantomima do PC por cuestións partidistas, o único e verdadeiramente positivo foi o espírito de solidariedade amosado pola clase traballadora galega. Aínda así tanto UPG como OO miraron primeiro polos intereses dos traballadores e implicáronse con toda a súa forza, claro está en vangarda, en defensa da readmisión dos despedidos. Así e todo non podemos considerar este movemento como unha derrota pois o espírito de 1972 cambiou as relacións de loita entre explotados e explotadores na Galiza, creouse moita conciencia nacional entre a clase obreira, o que vai permitir a posta en marcha  de organizacións políticas e sindicais netamente galegas

'Foi un dispendio de sacrificio'

Xesús Chaves non ten dúbida en afirmar que "os heroes do 72 foron todos os traballadores galegos" e sinala que as mobilizacións naquelas datas dos operarios de Vigo e da súa comarca "foi un dispendio de sacrificio". No seu relato analítico e ao tempo apaixonado daquelas xornadas lembra "a dura represión policial", recorda os nomes dos torturadores da Brigada Político Social como "Pardavila, Mosquera, Manolito Rivera" ou "O Guapo, un licenciado en Filosofía que nos tiña especial manía". Na mesma dirección, destaca que a "Organización Obreira ordenounos a todas as persoas que tiñamos cargos, comezando polos xefes de célula, que pasásemos á clandestinidade, de feito eu estiven un ano e medio sen poder ver a meus pais". Chaves, que mantén intactos todos os compromisos, considera que "a CIG é a herdeira de todas aquelas loitas".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios