[VÍDEO] Remata a rodaxe do filme '10 de marzo'

A película dirixida por Roi Cagiao chegará aos cinemas no último trimestre de 2022.
Recreación dun intre da manifestación reprimida pola Policía Armada franquista. (Foto: Aigi Boga para o filme '10 de marzo')
photo_camera Recreación dun intre da manifestación reprimida pola Policía Armada franquista. (Foto: Aigi Boba para o filme '10 de marzo')

Antes do remate do presente ano —en concreto e segundo as previsións, de cara ao último trimestre— chegará ás salas de cinema o filme 10 de marzo, unha longametraxe dirixida por Roi Cagiao que reconstrúe os sucesos acontecidos en Ferrol aquel día de 1972.

Daquela, os traballadores Amador Rey e Daniel Niebla foron asasinados a tiros a mans da Policía Armada franquista, nun acto represivo no que resultaron feridos de bala case un cento de manifestantes que percorrían as rúas da cidade reivindicando melloras no convenio da Empresa Nacional Bazán —hoxe Navantia—.

Para a elaboración desta peza audiovisual contouse coa participación de perto de 60 figurantes que recrean momentos como as asembleas masivas no interior e na explanada da factoría, o proceso xudicial aos principais líderes obreiros, detencións da Brigada Político-Social e outras escenas, segundo precisaron desde a produtora, Arthur Gordon, a través dun comunicado.

Máis aló das recreacións de época, indican, a película integra unha ducia de entrevistas a protagonistas da loita antifranquista na Galiza como Rafael Pillado, Sari Alabau, Suso Díaz ou Fernando Miramontes —finado o pasado ano—, así como material de arquivo.

Este filme conta co patrocinio do Concello de Ferrol, o Sindicato Nacional de CCOO Galiza e Navantia, e coa participación de Fuco Buxán, Fundación 10 de Marzo, Federación de Pensionistas de CCOO da Galiza e Witland Centro de Negocios.

Conta, aliás, coa produción executiva de Emilio J. Fernández, dirección de Roi Cagiao, guión de Roi Cagiao e Iñaki Varela, dirección de fotografía de Damián Varela, música de Iván Salgado, dirección artística de Isabel Fernández, son de Jorge Colado e asesoría histórica de José Gómez Alén e Víctor Santidrián.

Avance

O filme chegará aos cinemas no último trimestre do ano, previa preestrea na propia cidade de Ferrol. A continuación, o avance da película, xa dispoñíbel.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios