Feixoo di agora que a planta de viscosa non creará 2.500 empregos directos

En resposta a preguntas de Nós Diario o derradeiro Consello da Xunta de Feixoo como presidente en funcións, afirmou que  "unha cousa son os postos de traballo directos e outra os inducidos", freando así un dos puntos fortes que o Goberno galego e Altri veñen a reivindicar nas últimas semanas.
Plantación de eucaliptos. (Foto: Arxina)
photo_camera Plantación de eucaliptos. (Foto: Arxina)

O presidente estatal do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, matizou a cifra de 2.500 postos de emprego directo que tanto Altri como a Xunta anunciaron que crearía a empresa co proxecto da planta de viscosa de Palas de Reis.

En resposta a preguntas de Nós Diario o derradeiro Consello da Xunta de Feixoo como presidente en funcións, afirmou que  "unha cousa son os postos de traballo directos e outra os inducidos", freando así un dos puntos fortes que o Goberno galego e Altri veñen a reivindicar nas últimas semanas.

 En concreto, Feixoo argumentou que "non é o mesmo proceso facer pasta de papel que fabricar téxtil" para explicar por que a planta de Altri en Portugal emprega 774 persoas para unha produción de un millón de toneladas, mentres que afirma que a compañía lusa creará 2.500 empregos na Galiza para unha produción catro veces inferior ─250.000 toneladas─.

Porén, as cifras achegadas polo popular non corresponden coas previsións do propio Feixoo en novembro de 2020, cando se presentou o proxecto. Naquel momento, sinalou “un investimento de 950 millóns de euros, para producir 250.000 toneladas de fibra de celulosa e criar 1.000 empregos na fase de montaxe do complexo e arredor de 700 postos de traballo directos unha vez entrase en funcionamento”.

Controversia coas estimacións

Tanto a primeira como a segunda cifra de emprego directo anunciada polo dirixente galego quedan moi lonxe das estimacións que fan expertas como a economista da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María do Carme García Negro.

García Negro considera que a factoría de Altri de Palas de Rei xerará menos de 200 empregos. “Aquí, nun proxecto axustado de 200.000 toneladas empregará inicialmente moito menos de 200 persoas; até 2.500 debeuse de mover un cero. Dun investimento desta natureza previsto de 700 millóns de euros é imposíbel empregar 2.500, imposíbel nos termos económicos en que se moven os investimentos nese sector”, conclúe García Negro.

Na rolda de prensa posterior ao Consello, Feixoo tamén foi inquirido polo impacto da planta no sector forestal. A este respecto, o titular do Executivo galego en funcións admitiu que "con Altri é evidente que a madeira vai subir de prezos", sen especificar como vai cubrir esa maior demanda de eucaliptos.

As entidades ecoloxistas denuncian que “a localización escollida (A Vacariza, que noutros lugares figura como Finca Rioseco)” “é un espazo de alto valor ambiental, contiguo á Rede Natura 2000 (LIC Serra do Careón), e dentro das unidades ambientais da Rede Natura identificadas pola Xunta con hábitats prioritarios. É pois un espazo candidato a formar parte da ampliación da Rede Natura 2000 na Galiza, insistentemente reclamada pola Comisión Europea e desouvida por Feixoo.

Comentarios