Os proxectos Next Generation da Xunta suman atrasos e pouca concreción

Os tres proxectos 'tractores' elixidos pola Xunta como principais candidatos aos fondos Next Generation presentan distintos estados de desenvolvemento. 
O presidente Núñez Feixoo e o conselleiro Francisco Conde, en outubro de 2020, na xornada constitutiva da comisión Next Generation (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera O presidente Núñez Feixoo e o conselleiro Francisco Conde, en outubro de 2020, na xornada constitutiva da comisión Next Generation (Foto: Xunta da Galiza).

O 3 de maio de 2021 quedaba formalmente constituída Impulsa, a Sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos da Galiza, un organismo público-privado no que están representadas empresas como Abanca, Reganosa ou Sogama.

Un ano despois, pouco se sabe dos proxectos denominados 'tractores' pola Xunta da Galiza, que mantén o obscurantismo sobre os mesmos, mentres noutros territorios avánzase nos desenvolvementos industriais chamados a liderar a recuperación económica após a Covid.

Un deses proxectos, o que máis investimento precisa ─uns 700 millóns de euros─ é a planta de fibras téxtiles, que promete crear perto de 800 empregos. 

Detrás do mesmo está Altri, unha firma portuguesa que, segundo explicou na súa memoria de 2021, remitida o pasado 8 de abril á Comisión Nacional do Mercado de Valores de Portugal, prevé iniciar a construción da súa instalación fabril en 2023, mais o seu emprazamento está aínda por determinar. O que si ten claro é que, se ben as fábricas estarán na Galiza, a estratexia de innovación do grupo seguirá a dirixirse desde Portugal. 

Sen socios no biogás

Altri ten un plan de financiamento case fechado e tamén avanzou na captación de socios para un proxecto no que manterá unha participación superior a 50%. Se ben, outro dos proxectos 'tractores', o da planta de biogás ─cun investimento  de 525 millóns de euros─ non parece estar tan definido.

O Executivo galego tampouco desvelou o seu emprazamento, aínda que Naturgy contempla unha instalación destas características, pensada para o tratamento de xurros, lodos de depuradora e outros residuos orgánicos de orixe industrial, nos terreos da central térmica de Meirama, en Cerceda, fechada desde xullo de 2020.

Porén, segundo adiantou hai uns días Economía Digital, a Xunta estaría a ter problemas cos prazos para fechar o financiamento e tamén para lograr a participación no mesmo dos grandes grupos agrogandeiros. 

Así, cabería esperar que o proxecto que contempla a terna, a planta de hidróxeno verde, estivera máis avanzada. O problema neste caso é que non está claro cal de todas as que se anunciaron nos últimos meses é a que vai apoiar a Xunta a través de Impulsa.

Os outros móvense

A falta de concreción nos proxectos promovidos pola Xunta contrasta coa actividade noutros territorios. Tomando como exemplo a planta de hidróxeno, en Castela-A Mancha, Iberdrola porá en marcha en maio a planta de hidróxeno verde de Puertollano (Ciudad Real), após un investimento de 150 millóns de euros, que servirá para abastecer a planta de amoníaco ─na Galiza falouse dunha instalación destas características ligada a Reganosa─ de Fertiberia.

Sen ir tan lonxe, en Cubillos del Sil (León), nos terreos da antiga térmica de Endesa, avanzan nos proxectos para levantar unha planta de reciclaxe de pas eólicas e outra para tratar baterías. Da planta galega de baterías nada se sabe. Mentres, Seat e Volkswagen confirman que levantarán a súa en Sagunto (València), creando 3.000 empregos.

Comentarios