Denuncian uso fraudulento do ERTE en Tralusa

O comité de empresa pide a retirada “por ser lesiva para as traballadoras e traballadores” e “un fraude á Seguridade Social”.

Autobús urbano en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Autobús urbano en Compostela (Nós Diario)

Tralusa, empresa do Grupo Monbus e concesionaria do transporte urbano de Compostela, vén de presentar un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que afectará 28 traballadoras e traballadores.

O comité de empresa denuncia que esta medida tomouse “unilateralmente e sen contar coa representación do cadro de persoal”. Aseguran que a empresa comprometeuse no seu momento a no facelo.

Segundo o propio comité desde que se aprobou o estado de alarma a representación sindical solicitou en varias ocasións medidas concretas para protexer ao persoal que non se tomaron a día de hoxe. Indican que mesmo por instrución do Ministerio de Sanidade, estableceuse que ese persoal especialmente sensíbel ao risco tería que ser revisado pola mutua e derivado á Seguridade Social, que lles daría unha baixa por enfermidade común pero asimilable a efectos económicos coas continxencias profesionais.

"En vez de facer iso presentan un ERTE e como mínimo 21 dos 28 traballadoras e traballadores que están incluídos no ERTE están nesta situación de risco", explica Javier Taboada, presidente do comité e empresa. Por este motivo consideran que, de ser aprobado, estaríase actuando de forma fraudulenta porque Tralusa estaría trasladando os custes empresariais á Seguridade Social.

A contrata municipal continúa

Javier Taboada explica que o Concello de Santiago aprobou non  reducir as asignacións económicas nas contratas municipais. Sinala que nos orzamentos municipais de 2020 “constan  4.960.527 euros para o transporte urbano” ao que “habería que sumar a asignación ao Plan Comarcal de Transporte por parte do Concello de 25.990 euros” e que “a sociedade municipal Tussa, que xestiona o transporte urbano, ten outro informe polo que pagará 438.408 euros de subvención ao transporte colectivo urbano interior”.

Con estes número o presidente do comité de empresa cre que é escandaloso xa que, de aprobarse o ERTE, “constituiría un enriquecemento ilícito por parte de Tralusa", xa quen a pesar de terse rebaixado as frecuencias dos buses, isto non supón unha perda de ingresos por parte da empresa. 

Comentarios