luns 30.03.2020

As asesorías galegas colapsadas estes días pola avalancha de novos ERTE

O aumento exponencial de ERTE na Galiza estes días colapsou as xestorías do país. Moitos despachos non mantiveran contacto con estes expedientes que agora teñen que aplicar a todo tipo de empresas e comercios. Isto a poucos días de iniciarse o prazo para que autónomas e autónomos presenten, no medio do estado de alerta, os impostos do primeiro trimestre.
Xestoría (Colexio Oficial de Xestoras e Xestores da Galiza)
Xestoría (Colexio Oficial de Xestoras e Xestores da Galiza)

Os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) presentados polas empresas galegas durante o estado de alarma seguen aumentando. Segundo datos da Consellaría de Economía, Emprego e Industria na actualidade son 13.976, cun total de 71.084 traballadoras e traballadores afectados. Desde o Colexio Oficial de xestoras e xestores da Galiza alertan de que estes días as xestorías están desbordadas e con moitos problemas para realizar o seu traballo. Case 600 despachos de xestión están colexiados na Galiza e atenden todo tipo de solicitudes da súa clientela.

"Desde a pasada segunda feira estamos desbordadas presentando ERTE", explica a Nós Diario Pilar Otero, presidenta deste organismo, "empresarias e autónomas tiveron que pechar e acollerse a estas medidas para paliar a súa situación económica".

Os outros ERTE

A casuística de empresas é moi diferente aínda que a maior parte son de tamaño pequeno ou mediano cunha gran cantidade de comercios. Para acollerse aos ERTE que anunciou o Goberno español, teñen que estar obrigados a pechar e en moitos casos, como as ópticas ou as profesionais da saúde, non é así. "Asesoramos a cada cliente da súa circunstancia particular sobre as medidas económicas, sobre a situación fiscal, traballando nunhas circunstancias excepcionais", relata Otero.

Nestas novas circunstancias excepcionais para moitas xestorías as tramitacións non son as habituais. É o caso dos ERTE.  "Para moitas é a primeira vez que realizamos un", explica Rocío da Igrexa que conta cunha xestoría en Cerceda, "é unha figura que está pensada para empresas que teñen un nivel máis elevado de persoal e que xa teñen o seu propio asesoramento interno". Explica a Nós Diario que os ERTE que fixo até agora eran por causa maior, a maior parte da hostalaría, o sector cultural e salóns de peiteado que tiveron que pechar o pasado 14 de marzo.

"Empresas de entre unha e tres persoas contratadas", sinala, "e acolléronse ao ERTE para que durante o tempo que dure a alerta sexa o Estado quen lles pague a nómina, mais a cotización co compromiso de que non van destruír eses postos de traballo nos seis meses seguintes", engade. Insiste en deixar claro que son pequenas empresas que levan moitos anos e non teñen intención de deixar a súa actividade. "A normativa legal é a mesma para Amancio Ortega que para min ou para as miñas clientas", asegura. E estes días a presión é moita con casos moi extremos. "O outro día chamoume unha clienta miña de Culleredo que me dicía, chorando, como faría coas cotas, co alugueiro e coa súa empregada", explica.

Prazos imposíbeis

A angustia de poder xestionar a morea de tramitacións polo estado de alarma ten nos vindeiros días outro problema máis. "A liquidación dos impostos do primeiro trimestre das persoas autónomas é de 1 a 20 de abril, e temos o estado de alarma até o 15 de abril", asegura Rocío da Igrexa. Explica que hai xente que pode adiantar documentación por vía telemática, mais outra non o pode facer por non contar cos medios na súa casa ou mesmo no seu negocio. 

Desde o Colexio Oficial xa fixeron unha petición ao Goberno español para que procure unha solución a esta situación e aínda non obtiveron resposta. "Entendemos que nestas circunstancias será case imposíbel que esas obrigas fiscais se cumpran con normalidade", indica a súa presidenta, "nós que confeccionamos esas declaracións sabemos as dificultades que teñen e non podemos contar na actualidade coa documentación a través de medios telemáticos".

Esta situación límite, se non se pon remedio, aseguran que levará a trasladar fisicamente todo primeiro á xestoría e despois ás oficinas bancarias, co perigo que supón estes desprazamentos para a poboación. 

comentarios