Política

BNG reclama medidas de protección para as traballadoras que perdan o emprego nesta crise

Reunión virtual de delegacións de CIG e Bloque. Ana Pontón pide medidas para protexer ás traballadoras máis precarias porque, sinala, "a crise xa afecta 10% da poboación activa" na Galiza. 
Ana Pontón durante a videoconferencia coa CIG (BNG).
photo_camera Ana Pontón durante a videoconferencia coa CIG (BNG).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou esta sexta feira que a Xunta e o Goberno do Estado "actúen  contra o impacto socioeconómico dos ERTE na Galiza" e pediu que se tomen "medidas de protección para todos e todas aqueles traballadores e traballadoras contratados polas ETTs e precarios que perderán o seu posto de traballo sen percibir ningunha prestación" durante esta crise provocada pola expansión do coronavirus.

A líder nacionalista, que continúa mantendo encontros diarios por videoconferencia con colectivos da sanidade, económicos e socias para analizar a situación da crise do coronavius, afirmou após a reunión coa delegación da Confederación Intersindical Galega (CIG) que "a crise xa afecta na Galiza 10% da poboación activa" e que "urxe tomar medidas de protección económica contra as consecuencias deste impacto".

Por outra parte, Pontón reiterou que é necesario paralizar "toda actividade non esencial" e incrementar as medidas de protección para as traballadoras da sanidade, servizos públicos, sector da alimentación e subministros.

Despois de analizar diversos aspectos, BNG e CIG coincidiron na necesidade de poñer en marcha medidas urxentes para paliar as consecuencias económicas e sociais que afectan gravemente a Galiza. Pontón sostivo que "para saír ben da crise" será necesario "máis autogoberno e política social". 

Así mesmo, para a nacionalista a crise da COVID-19 "desvelou a verdadeira faciana de Europa", máis preocupada "polos intereses do grande capital" que por responder como unha Europa social. Comprobamos que "chega antes a axuda de China que de Bruxelas", feito que constata a falta de preocupación de Europa pola saúde e vida das persoas.

BNG e CIG tamén trasladaron a súa preocupación mutua pola crise económica que seguirá á crise sanitaria e polas "consecuencias que, de momento, coas medidas da Xunta e do Estado, non permiten albiscar unha saída xusta".

Desta maneira, ambas organizacións redobrarán esforzos para que os tralladores e traballadoras da Galiza "non sexan os grandes damnificados da crise do coronavirus". 

Comentarios