Acusan Inditex de obrigar a súa contrata de limpeza a facer un ERTE malia seguir o almacén en funcionamento

CIG indica que esa medida non ten sentido cando desde o comité de Zara Loxística demándase que se intensifique a desinfección.

Inditex
photo_camera Inditex

Servilimpsa Samsic, contrata que se ocupa da limpeza da sede central de Inditex e da plataforma loxística de Zara en Sabón (Arteixo) acaba de anunciar un ERTE por forza maior que afectaría 77% do persoal que realiza a limpeza do almacén.

Así o denuncian desde CIG, que mostra a súa srprensa e disconformidade coa medida, indicando que en Zara Loxística continúa traballándose “todos os días” e que as necesidades de limpeza e desinfección “aumentaron desde a extensión da pandemia de COVID-19”.

O Comité de Empresa do almacén intensificou as demandas nos últimos días para esixir máis limpeza e desinfección, e, incluso, aumento de persoal de limpeza “xa que os traballadores de Servilimpsa non eran quen de atender as necesidades hixiénicas de todas as zonas e elementos de traballo”.

A empresa, ademais, afirma a central nacionalista, négase a complementar de ningunha maneira as “exiguas cantidades” que van cobrar os traballadores durante o ERTE.

A CIG fala de que é unha decisión “que lle impón Inditex á súa contrata de limpeza” e que vai provocar que só haxa, afirman, “7 persoas” para se ocupar da “hixiene de desinfección de máis de 500.000m² distribuídos en 5 plantas onde traballan 1.200 persoas as 24 horas do día en tres quendas”.

Comentarios