Demandan que INDRA retire o ERTE “por estar en fraude de lei”

A CIG asegura que a empresa pretende introducir unha rebaixa salarial "pola porta de atrás".

Multinacional Indra (Nós Diario)
photo_camera Multinacional Indra (Nós Diario)

A multinacional española con sede en Alcobendas Indra ten intención de realizar  un paquete de recortes que inclúe expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), reducións de xornada e unha baixada dos salarios para os traballadores e traballadoras non incluídas na regulación temporal.

Desde a CIG amosan o seu “total rexeitamento” a estas medidas que consideran “unha fraude , posto que se trata dunha modificación substancial que legalmente non foi comunicada á representación social sendo os dous procesos diferentes non podendo negociarse conxuntamente”.

Indra presta na actualidade soporte técnico a servizos públicos (como é o Sergas e a Consellaría de Xustiza) e privados (R Cable e Abanca, entre outros) de vital importancia para o funcionamento dos servizos básicos e esenciais.

Segundo a central nacionalista o ERTE afecta ás súas sociedades Indra Producción de Software e Indra Soluciones Tecnologías da Información, polo que afectarían nesta última 373 traballadoras e traballadores dun cadro de persoal total de 1.132.

A CIG xa solicitou a retirada do ERTE, das reducións de xornada e do que INDRA denomina medidas complementarias por considerar que o que pretende a multinacional é meter pola "porta de atrás" unha modificación substancial das condicións salariais.

O sindicato asegura que a multinacional non acredita as causas produtivas alegadas por non demostrar que baixada de carga de traballo se estea a producir.

Fontes da CIG aseguran que "o que busca INDRA é un ERTE preventivo en base á previsión dunha caída da produción no futuro, que agora mesmo non existe”. Explican que “a empresa ten 90% do persoal teletraballando e hai servizos nos que se está a rexistrar unha sobrecarga de traballo".

Comentarios