O Goberno español introduce excepcións ao compromiso de manter o emprego para as empresas que fagan ERTE

As empresas que por mor da crise causada pola pandemia do coronavirus realizasen un ERTE comprometíanse a non despedir en seis meses desde a volta ao traballo. Porén, o Goberno español introduciu excepcións.
A portavoz do Executivo español, María Jesús Montero, compareceu após a reunión do Consello Ministerial (Imaxe: Europa Press)
photo_camera A portavoz do Executivo español, María Jesús Montero, compareceu após a reunión do Consello Ministerial (Imaxe: Europa Press)

O Consello de Ministros desta terza feira, 31 de marzo, acordou o estabelecemento dalgunhas excepcións á hora de considerar cumprido o compromiso de mantemento do emprego durante o prazo de seis meses vinculado aos expedientes de regulación de emprego temporal (ERTE) de suspensión de contratos ou redución de xornada derivados da crise sanitaria, segundo informaron desde a Presidencia do Goberno central.

O decreto publicado o pasado 18 de marzo no BOE obrigaba ás empresas que se acollesen aos ERTE a manter o volumen de persoal previo á crise durante, mínimo, os seis meses seguintes á volta á actividade.

Mais este compromiso deberá cumprirse e verificarse, di o Goberno, tendo en conta as características e circunstancias da empresa ou do sector correspondente, atendendo en especial á estacionalidade ou variabilidade do emprego, así como a súa correspondencia con eventos concretos, acontecementos ou outras especificidades sectoriais como as de, por exemplo, as artes escénicas, musicais e do sector cinematográfico e audiovisual.

Así, o compromiso non se entenderá incumprido cando o contrato de traballo se extinga por despedimento disciplinario declarado como procedente, dimisión, xubilación ou incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da traballadora ou traballador.

No caso de contratos temporais, o compromiso tampouco se entenderá incumprido cando o contrato se extinga por expiración do tempo convido ou a realización da obra ou servizo que constitúe o seu obxecto ou cando non poida realizarse de forma inmediata a actividade obxecto de contratación.

Comentarios