O patrimonio de Feixoo ascende a 1,2 millóns de euros, alén de dúas vivendas

O ex presidente da Xunta ten accións en Inditex por valor de 51.050 euros e en Telefónica por 455 euros.
Alberto Núñez Feixoo nun acto do PP en Sevilla. (Foto: Eduardo Briones / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, o pasado domingo, nun acto do PP en Sevilla. (Foto: Eduardo Briones / Europa Press)

O líder do Partido Popular, senador e ex presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, vén de rexistrar na Cámara Alta a súa declaración de bens e rendas, un documento de obrigada entrega para todos e todas as representantes políticas.

Na declaración Feixoo fai constar uns aforros de 156.613 euros nunha conta corrente e outros 50.807 euros nun depósito a prazo, superando os 207.000 euros en depósitos bancarios.

Dúas vivendas e un predio rústico

O líder do PP ten no seu dominio dúas vivendas, unha en Madrid e outra en Vigo, ambas as dúas adquiridas en 2001, o mesmo ano no que tamén mercou unha praza de garaxe na cidade olívica.

Conta, por outra parte, cun predio de uso rústico no concello de Ames, cuxa adquisición data de 1992, segundo consta no informe.

Accións en empresas do IBEX

Resulta salientábel tamén que Núñez Feixoo posúe actualmente até 2.500 accións da multinacional Inditex, por un valor total de 51.050 euros, así como outros 97 títulos de Telefónica, cun valor de 455 euros.

Fondo de investimento en Abanca

O ex presidente da Xunta ten tamén un fondo de investimento en Abanca por valor de 481.500 euros, así como un plan de pensións de 190.547 euros.

Salario de máis de 85.000 euros

Aliás, a contía dos seus ingresos salariais ascende a 85.601,86 euros, aos que se suman 705,29 euros por rendementos de capital mobiliario, 5.119,24 polos bens inmóbeis e outros 183.861,65 por ganancias patrimoniais.

Debido ao seu elevado patrimonio persoal, consta na declaración que aboou á Axencia Tributaria case 70.000 euros en concepto de IRPF.

Comentarios