Accidente no Son do Camiño

A organización confirma que O Son do Camiño se celebrará nas datas previstas mentres segue un traballador na UCI

Será os días 16, 17 e 18 de xuño no Monte do Gozo de Compostela.
A organización di estar a traballar nos últimos axustes. (Foto: Arxina)
photo_camera A organización di estar a traballar nos últimos axustes. (Foto: Arxina)

A organización do Son do Camiño vén de confirmar que o festival se celebrará nas datas previstas: 16, 17 e 18 de xuño, no Monte do Gozo de Compostela.

Con todo, após o derrubamento esta sexta feira do escenario principal durante os labores de montaxe, sinalou que están a traballar "nos axustes pertinentes", que darán a coñecer "proximamente".

Nun comunicado, afirmou ademais que os hospitalizados "evolucionan favorabelmente" e puxo en valor que "os equipos de protección individual, a profesionalidade e experiencia das empresas implicadas na montaxe e a rápida activación do protocolo de emerxencias foron chaves no desenvolvemento dos acontecementos".

Un dos traballadores vítimas do sinistro, porén, segue na UCI cunha evolución tamén "favorábel", segundo a Xunta, malia que entrou en estado grave.

Aliás, a organización agradeceu aos servizos de emerxencias, bombeiros, policía, e todas as persoas, empresas e institucións que participaron nas últimas horas na normalización da actividade do festival "todo o seu traballo e apoio".

Por último, concluíu este comunicado coa intención de "seguir minuto a minuto a evolución dos traballadores feridos". "Para nós son familia", reafirmou.

O accidente

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, apuntou este sábado que, aínda que "se están a investigar as causas e non hai nin 24 horas" do accidente, un "refacho de vento" puido ser a causa do derrubamento do escenario.

"O festival leva dous anos esperando, con motivo da pandemia, con todas as entradas vendidas. Será un enorme acontecemento e esperamos que se poida celebrar, con todas as condicións de seguridade, pero que non haxa que suspendelo", engadiu.

Comentarios