Co obxectivo de instar á Xunta a recuperar os acordos retributivos do persoal do Sergas suspendidos desde 2010, a CIG vén de anunciar que promoverá unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) coa que esperan recoller a lo menos 2.500 sinaturas para levar esta petición como proposición non de lei ao Parlamento galego.
Así o explicou o secretario nacional de CIG- Saúde, Manuel González Moreira, nunha rolda de prensa en Compostela na que detallou que se trata de que a Administración devolva o "complemento específico" estabelecido a finais do 2008, en virtude dun acordo co bipartito de PSdeG e BNG, e que supuxo unha media de "200 euros" por profesional.
"Coa chegada do PP ao goberno, foi suspendido", lamentou Moreira. Foi en 2010, a través da lei dos orzamentos da Xunta para ese ano, cando se eliminou a "aplicación dos pactos ou acordos que supoñan incrementos retributivos", tal e como consta no texto, polas "circunstancias económicas excepcionais" que había entón.
A CIG- Saúde entende que agora se debe restabelecer o mencionado complemento, xa que a súa suspensión "non está xustificada", porque "a situación económica cambiou" e "o marco legal hai que respectalo", abundou.
Neste senso, Moreira lembrou que o Goberno galego alcanzou "acordos de melloras retributivas e de condicións laborais para o persoal da Administración", pero "non" foi así cos traballadores do Sergas.
O texto da PNL que o sindicato tratará de levar á Cámara busca instar á Xunta a negociar na mesa sectorial do Sergas un calendario de recuperación destes acordos, que se faría en máis dun exercicio orzamentario para non entorpecer o "equilibrio financeiro" da Comunidade. O obxectivo dos seus impulsores e que o debate parlamentario da mesma comece xa no mes de xuño.