Non haberá atallos para a candidatura de Ucraína a ingresar na Unión Europea

Dúbidas na Unión Europea sobre se impulsar a candidatura de Kiev.
A presidenta da Comisión da UE, Ursula von der Leyen, explicou as medidas das novas sancións. (Foto: Philipp von Ditfurth / dpa)
photo_camera A presidenta da Comisión da UE, Ursula von der Leyen, en rolda de prensa. (Foto: Philipp von Ditfurth / DPA)

A finais deste mes a Unión Europea (UE) ten que tomar unha decisión a respecto de se considerar Ucraína como país candidato a ingresar no bloque comunitario, un debate que se atopa moi lonxe da unanimidade entre os 27 Estados, con Bulgaria, Polonia, Letonia, Lituania, Estonia, Eslovenia, Eslovaquia e Chequia reclamando insistentemente que se acelere o proceso.

Así e todo, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, reiterou esta cuarta feira que non “haberá atallos para Ucraína”, e subliñou que “as condicións débense cumprir, mais se investimos e o combinamos con reformas iso construirá o camiño ucraíno cara á UE”.

Salientando que a UE e Ucraína xa se coñecen após o Acordo de Asociación asinado en 2014, reclamou analizar a proposta sen favoritismos, en resposta á solicitude de Manfred Weber, líder do Partido Popular Europeo, de utilizar a concesión da categoría de candidato como unha “clara mensaxe”.

A resposta ucraína non se fixo agardar, o presidente Volodimir Zelenski afirmou que “Ucraína fíxoo todo, absolutamente todo o traballo preciso nese sentido”, mentres que o ministro de Asuntos Exteriores, Dmitro Kuleba, sostivo que “non aceptaremos ningunha versión substituta ou alternativa ao status de candidato por moi optimista que poidan ser”.

Envíos de armas

Con respecto aos envíos de armas dos países da Organización do Tratado do Atlántico Norte en dirección a Ucraína, a embaixada de Rusia nos Estados Unidos definiu como “irresponsábel” a escalada nas armas remitidas, en relación aos lanzamísiles múltiples anunciados a pasada semana polo presidente estadounidense, Joe Biden.

Asemade, aseverou que Washington “ignora a ameaza obvia de que as armas de precisión moderna caian en mans de radicais nacionalistas, terroristas e bandas”. Un modelo semellante será proporcionado polo Reino Unido.

Amais, Noruega enviará 22 obuses autopropulsados, após pedir Ucraína de maneira específica esta clase de vehículos blindados para continuar cos combates, nunha fronte que segue tendo o foco na cidade de Severodonetsk.

Comentarios