A CIG maniféstase nas sete cidades galegas contra a "fraudulenta" reforma laboral de PSOE e UP

Concentración da CIG fronte a Delegación do Goberno na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración da CIG fronte a Delegación do Goberno na Coruña. (Foto: Nós Diario)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) manifestouse durante a mañá da quinta feira nas sete cidades galegas para pedir a derrogación da reforma laboral do PP en 2012 e a aprobación dunha lei que "permita realmente recuperar dereitos e avanzar na conquista doutros".

O principal sindicato galego concentrouse ao mesmo tempo que no Congreso decorría a votación da reforma laboral impulsada pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, quen antes de estar no Goberno prometera a derrogación total da reforma do Partido Popular, e que agora presentou unha lei que "non só non derroga a anterior, senón que consolida os seus aspectos máis lesivos".

"Por moita propaganda que se nos venda, isto constitúe un gravísimo incumprimento dos seus compromisos programáticos"

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, participou da mobilización que tivo lugar fronte á Delegación do Goberno na Coruña. Alí manifestou que a reforma laboral do Partido Socialista e de Unidas Podemos ten carácter "fraudulento", xa que "o que se está a facer é consolidar a brutal reforma laboral imposta polo PP en 2012 e aceptar a súa non derrogación por parte dos mesmos partidos que prometeran tombala nada máis chegar ao Goberno". 

Carril, que xa estivera nas concentracións da CIG o pasado domingo por este mesmo motivo, afirmou que, "por moita propaganda que se nos venda, isto constitúe un gravísimo incumprimento dos seus compromisos programáticos".

Unha reforma "de dereitas"

Para o secretario xeral do sindicato, "o que demostra quen é dereitas ou de esquerdas son os feitos, e a realidade é que PSOE e UP renuncian as súas promesas electorais, perpetuando a reforma do PP".

Aseverou isto despois de que desde as formacións políticas que integran o Goberno de coalición se afirmase que aqueles que están en contra desta reforma laboral están "coas políticas de dereitas".

Non en tanto, para Paulo Carril é evidente que a nova lexislación "mantén intactos os aspectos máis lesivos da reforma do 2012, contra da que se convocaron dúas folgas xerais, e non permite recuperar os dereitos roubados nin mellorar as condicións de traballo para termos emprego e salarios dignos". 

"En absoluto van erradicar e acabar coa temporalidade. Baixo novas denominacións nos contratos a temporalidade, a eventualidade e os baixos salarios seguirán existindo"

O secretario subliñou que a máxima de Yolanda Díaz de que coa nova reforma remátase coa temporalidade non é real. "En absoluto van erradicar e acabar coa temporalidade. Baixo novas denominacións nos contratos a temporalidade, a eventualidade e os baixos salarios seguirán existindo", advertiu.

Abaratamento do despedimento e centralismo

Carril sinalou que a nova reforma configura un mercad laboral no que o despedimento "é practicamente de balde", ademais de deixar na man da patronal o poder de decisión sobre as condicións laborais.

Tamén denunciou que o texto afonda "de forma moi agresiva" na centralización das relacións laborais, xa que seguirán a prevalecer os marcos estatais da negociación colectiva e doutros mecanismos para regular as condicións de traballo, sobre os das autonomías.

O secretario xeral da CIG instou ás persoas traballadoras galegas a seguir a mobilizarse nas rúas para desmontar a reforma "a través da negociación colectiva".

Comentarios