CIG, CUT e outros 13 sindicatos no Estado rexeitan a proposta de reforma laboral: “Non derroga a reforma do PP”

Centrais da Galiza, Euskal Herria, Catalunya, Asturies, Aragón, Andalucía ou Canarias reprochan ao Goberno español “o incumprimento do seu compromiso de derrogar” as anteriores reformas laborais.

O presidente de CEOE, Antonio Garamendi; o líder de UXT, Pepe Álvarez; a ministra, Yolanda Díaz; o presidente de Cepyme, Gerardo Cuevas; y o líder de CCOO, Unai Sordo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera O presidente de CEOE, Antonio Garamendi; o líder de UXT, Pepe Álvarez; a ministra, Yolanda Díaz; o presidente de Cepyme, Gerardo Cuevas; y o líder de CCOO, Unai Sordo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

Un total de 15 sindicatos, entre eles os galegos CIG e CUT, asinan un comunicado en nome do ”sindicalismo transformador” no que mostran o seu rexeitamento á proposta de reforma laboral do Goberno español.

Os sindicatos asinantes tamén reprochan ao Goberno de PSOE-Unidas Podemos “o incumprimento do seu compromiso de derrogar as anteriores, tal e como fixo por outra banda con outras promesas feitas á cidadanía”.

Para estas centrais, o acordo alcanzado entre o Goberno, os sindicatos UxT e CCOO e a patronal CEOE “non derroga nin a reforma laboral de 2012 de Raxoi nin tampouco a reforma laboral do 2010 de Goberno de Zapatero”.

"Esta reforma “perpetúa a precarización do mercado laboral en tanto que a patronal sempre terá no seu poder a arma do despedimento para presionar a traballadoras e traballadores”

A prioridade do Goberno español, afirman, foi “atraer a patronal ao acordo”, para o que  lle outorgan “o dereito a veto”. Tamén culpabilizan os sindicatos asinantes: “a falta de presión e de mobilización derivou nunha reforma laboral á medida dos intereses da patronal”.

Esta proposta de reforma laboral, explican, non contempla medidas para corrixir a estatalización da negociación colectiva imposta polas reformas laborais de 2010 e 2012, polo que os convenios sectoriais “acordados nos nosos territorios seguirán subordinados aos convenios estatais. O marco estatal de negociación demostrouse menos combativo e a sacralización que esta reforma fai dese marco é un intento de atenuar as loitas sindicais dos territorios”.

Ao mesmo tempo, cualifican como “moi grave” que a proposta de reforma laboral non modifique a normativa establecida pola reforma laboral de 2012 en materia de despedimentos. “Nos últimos anos quedou claro que a patronal utilizou esta reforma para despedir traballadoras e traballadores de forma unilateral, sen ningunha garantía nin posibilidade de defensa”.

Polo tanto, conclúen, esta reforma “perpetúa a precarización do mercado laboral en tanto que a patronal sempre terá no seu poder a arma do despedimento para presionar a traballadoras e traballadores”.

“Políticas en beneficio das elites”

As 15 organizacións sindicatos apuntan a que  “a proposta de reforma laboral axústase ás esixencias de Bruxelas e ás súas chantaxes para poder acceder aos fondos europeos”.  Así, indican que os fondos económicos da Comisión Europea “non son uns fondos para que a clase traballadora e as clases populares poidan afrontar con dignidade as consecuencias da crise xerada pola Covid”.

“Estes fondos non son máis que unhas axudas económicas ás grandes corporacións para que poidan facer fronte aos cambios estruturais que necesitan abordar e ademais, tal e como demostra esta reforma laboral, estaban subordinados á aplicación por parte dos gobernos dunhas políticas económicas en beneficio das elites”.

“Esta non derrogación da reforma laboral e os continuos incumprimentos das súas promesas por parte do Goberno do Estado deixa en evidencia os límites do marco do diálogo social e do marco político do Estado español”.

Finalmente, estes sindicatos apuntan que se “o Goberno “máis progresista” do Estado español non ten capacidade para derrogar a reforma laboral nin de facer políticas en beneficio da clase traballadora e das clases populares queda claro que o único camiño para un cambio de modelo é o exercicio do dereito a decidir dos pobos, para que sexamos os pobos os que decidamos libre e democraticamente o noso futuro e por suposto tamén o noso modelo socio-económico”.

Asinan:

Confederación Intersindical Galega, Central Unitaria de Traballadoras de Galiza, Colectivo Unitario de Trabajadoras y Trabajadores Aragón, Corriente Sindical d’izquierdas Asturies, ELA Euskal Sindikatua, ESK Euskal Herria, Coordinadora Obrera Sindical Països Catalans, Intersindical Alternativa de Catalunya, Intersindical Canaria, Intersindical de Catalunya, Intersindical Valenciana, LAB Sindikatua Euskal Herria, Sindicato Andaluz de Trabajadores y Trabajadoras, Sendicato d'os Treballadors e Treballadoras d'Aragon-Sindicato Obrero Aragones, STEI Balears.

Comentarios