A CIG chama a mobilizarse este domingo contra a reforma laboral

A central convoca actos para este 30 de xaneiro nas sete cidades galegas, Vilagarcía, Viveiro, Ribeira e Cee.
Protesta en Compostela contra a reforma laboral (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta en Compostela contra a reforma laboral (Foto: Nós Diario / arquivo)

A CIG ten convocada unha xornada de mobilizacións nas sete cidades, Vilagarcía, Viveiro, Ribeira e Cee este domingo, 30 de xaneiro, en rexeitamento "á fraude que supón a nova reforma laboral" e para esixir a derrogación das reformas impostas dende o ano 2010.

A xornada de mobilizacións contra o que a CIG cualifica de "novo ataque á clase traballadora" decorrerá de forma coordinada na Galiza, Euskadi e Catalunya

As protestas contra unha reforma laboral que se traduce en "maior precariedade e o aumento da centralización da negociación colectiva" están convocadas ás 12 horas en Vigo (na Dobrada), A Coruña (praza de Vigo), Ferrol (no local sindical da CIG), Lugo (edificio sindical), Pontevedra (praza da Ferrería), Vilagarcía (Casa do Mar), Viveiro, Ribeira e Cee (en cadansúa praza do Concello), mentres que en Compostela (praza Roxa) e Ourense (parque de San Lázaro) a cita será ás 11.30 horas.

Sen derrogación real

Segundo denuncia a CIG nun comunicado, coa aprobación do RD/Lei 32/2021, o Goberno de PSOE e Unidas Podemos "incumpriu a promesa que tantas veces anunciara, posto que non se derroga a reforma laboral de 2012 imposta polo PP".

O sindicato critica tamén que tanto o Goberno estatal como UXT e CCOO "pregáronse aos intereses da patronal" o que volve deixar en evidencia o diálogo social "como o enterrador dos dereitos dos traballadores e das traballadoras, apuntan desde a central nacionalista.

Nesta liña, indican que o texto da nova reforma, "ademais de manter as medidas máis lesivas da do PP, incorpora outras novas que favorecen o empresariado á conta, outra vez, da clase obreira", como o feito de que o despedimento siga a ser "igual de fácil e barato" ou que se manteña "a barra libre" ás empresas para os despedimentos colectivos.

Xunto a iso, a CIG argumenta que non se recuperan os salarios de tramitación nos despedimentos improcedentes, nin a nulidade dos que son en fraude de lei; segue en vigor 10% da desregulación da xornada laboral; incorpóranse novos contratos de formación e temporais, e modalidades de ERTE, que afondarán na precariedade e mantense a prevalencia do convenio estatal fronte aos convenios galegos, entre outras cuestións.

Comentarios