O sindicalismo nacionalista considera unha “fraude” a proposta do Goberno do Estado

A CIG mobiliza miles de persoas pola derrogación da reforma laboral

As rúas das sete principais cidades galegas e das localidades de Vilagarcía, Viveiro, Ribeira e Cee acolleron esta mañá outras tantas manifestacións convocadas pola CIG contra a negativa do Goberno do Estado a derrogar laboral.

As marchas convocadas na xornada de hoxe pola Confederación Intersindical Galega (CIG) son unha resposta “á fraude que supón a nova reforma laboral e para esixir a derrogación das reformas impostas desde o ano 2010”. As mesmas enmárcanse  nunha xornada de mobilización convocada polos sindicatos nacionalista na Galiza, Euskal Herria e Catalunya.

A CIG considera que a reforma da lexislación laboral promovida polo Goberno do Estado representa “un novo ataque á clase traballadora que supón esta reforma laboral que significa maior precariedade e o aumento da centralización da negociación colectiva”.

A organización sindical entende que “o pacto social evidénciase unha vez máis como o enterrador dos dereitos dos traballadores e das traballadoras. O texto desta nova reforma, ademais de manter as medidas máis lesivas da do PP, incorpora outras novas que favorecen o empresariado á conta, outra vez, da clase obreira”.

O sindicato denuncia que a nova proposta do Goberno permite que “despedimento segue a ser igual de fácil e barato e mantense a barra libre das empresas para os despedimentos colectivos”. Precisamente esta cuestión, ten sido criticada polos sindicatos nos procesos de tramitación de expedientes de despedimento colectivo impulsados nos últimos anos por diversos grupos empresariais

Críticas ao PSOE e Unidas Podemos

A CIG amósase moi crítica coa alternativa do executivo de Sánchez por manter “a prevalencia do convenio estatal fronte aos convenios galegos e provinciais, e tamén que os convenios de empresa poidan empeorar os convenios sectoriais, agás nos salarios”.

As mobilizacións de hoxe do sindicalismo nacionalista van ter continuidade o vindeiro 3 de febreiro, dia no que se somete a debate no Congreso dos Deputados a proposta do Goberno. Neste sentido a CIG ten convocadas protestas diante das catro subdelegacións do Goberno do Estado na Galiza.

O Bloque Nacionalista Galego, cuxos representantes orgánicos e institucionais participaron das manifestacións de hoxe, xa anunciou o seu apoio ás protestas da próxima quinta feira. Ao tempo, incidiu no seu voto negativo no Congreso ao texto proposto desde o Goberno.

Comentarios