Paulo Carril, secretario xeral da CIG

Paulo Carril: "Non hai derrogación das reformas laborais nin recuperación de dereitos"

Os sindicatos estatais, UXT e CCOO, lograron fechar un acordo para a reforma laboral co Goberno español e a patronal. Ese texto, que chega agora á Cámara Baixa para a súa aprobación definitiva, non foi apoiado pola principal forza sindical da Galiza, a CIG, que pide o seu rexeitamento. 
 
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, critica a reforma laboral por inxusta e centralista (Foto: Arxina).
photo_camera O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, critica a reforma laboral por inxusta e centralista (Foto: Arxina).

—Cal é o principal motivo que lles leva a rexeitar esta reforma?

O principal motivo é que non hai nin derrogación das reformas laborais nin recuperación de dereitos. Mantén intactas as partes máis lesivas e a totalidade da reforma de 2012 do PP e de 2010 do PSOE, que foran motivos de folga xeral. Estamos ante unha reforma fraudulenta que non avanza na consecución de novos dereitos e consolida un marco de precariedade e inseguridade laboral. 

É a reforma idónea para o capital nun momento de cambio profundo da economía pola descarbonización e a dixitalización, ademais de ser inxusta no social e, como todo o que sucede no Estado español, tremendamente centralista e negadora dos marcos propios de relacións laborais, como o galego. 

—Que consecuencias vai ter a reforma para a Galiza?

Pois, ademais de reforzar os instrumentos dos marcos estatais fronte ao marco galego na negociación colectiva e noutros ámbitos, a reforma chega nun momento no que estamos en permanente proceso da crise social e industrial. Ademais, nos sectores que manteñen o emprego, a precariedade e a temporalidade vaise manter pero con outras denominacións.

—Cales son, na súa opinión, os aspectos máis lesivos?

Para nós o seu deseño fai sentar as bases do mercado laboral en dous piares negativos: o despedimento case libre e un cambio normativo que non vai rematar coa permanente temporalidade e precariedade. 

A reforma consolida, dez anos despois e a través do diálogo social, a reforma imposta unilateralmente por Mariano Raxoi. 

Por tanto, as facilidades para despedir e as indemnizacións por acometer eses despedimentos baratos mantéñense como están. Non se recuperan os salarios de tramitación, non se recupera a nulidade dos despedimentos en fraude de lei...

Nos despedimentos colectivos, nas modificacións substanciais das condicións de traballo e nos ERTE segue sendo a patronal a que decide unilateralmente e sen intervención de ningún tipo da autoridade laboral. Ademais, pode seguir mantendo descolgues de convenios.

No caso da Galiza, facilitar o despedimento case libre por fácil e barato nun momento de crise industrial como o que estamos a vivir é brutal, porque todos os episodios teñen así o instrumento lexislativo idóneo para saldar os problemas en favor das decisións empresariais e en contra da continuidade do emprego.

—Cren que, como din os sindicatos estatais, esta modificación da norma laboral vai contribuír a reducir a temporalidade e a precariedade?

Non. A temporalidade e precariedade vanse manter. Consolídase o que se chama a flexiseguridade, que nós dicimos que é xustamente o contrario, a través de toda unha modificación en materia de contratacións que, aínda que se mude a súa denominación e forma xurídica, non logra erradicar a precariedade. 

Os índices de temporalidade que temos na Galiza manteranse, aínda que os maquillarán cunha nova denominación para vender unha mellora da realidade, pero non vai ser así. 

—UXT e CCOO salientan o consenso como o principal logro.

Non é tal. O que hai é unha entrega total e unha renuncia absoluta de UXT e CCOO en favor dun incumprimento electoral do bloque de coalición, que prometeu que ía derrogar as reformas laborais. Por tanto é un sometemento ás directrices da Unión Europea para acceder ao rescate, que exixen duras condicións. 

Nunca máis claro se pode demostrar que o diálogo social é un enterrador de dereitos como estamos a ver, e un lexitimador das peores políticas neoliberais que están a golpear o mundo do traballo.

Levar a interlocución para cambios lexislativos desta índole ao diálogo social é antidemocrático nas formas e nos contidos, demoledor e negativo, porque os sindicatos que temos a condición de máis representativos, no noso territorio, como o caso da CIG ou ELA, nunca fomos tidos en conta. Debera ser un marco de negociación de acordo ás canles institucionalmente recollidas e aos dereitos que temos, igual que acontece na negociación colectiva, onde somos interlocutores e existen unhas mesas constituídas e en función da representatividade de cada quen.

—Que agardan da súa tramitación parlamentaria?

Nós temos interpelado as forzas soberanistas e de esquerdas para que voten non á convalidación, xa que, como vemos nos seus contidos, hai unha consolidación do peor marco laboral do PP e non se crean novos dereitos nun momento tan crítico de crise social, precariedade e temporalidade. Esperamos que o trámite parlamentario sirva para emendar na súa totalidade as formas e o fondo desta reforma laboral, democratizando a consecución dunha derrogación das reformas de 2010 e 2012 e favorecendo a consecución dun marco de relacións laborais máis xusto e máis acorde co que é a necesidade de defender un emprego digno, con dereitos, que responda ás novas realidades que hai no mercado de traballo.

Comentarios