A CIG chama a mobilizarse o 1 de Maio para "dar resposta á realidade social extrema na Galiza"

Nunha rolda de prensa en Santiago de Compostela, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, presentou a campaña para esta data, baixo o lema 'Paremos o saqueo'.
Presentación da campaña do 1 de maio da CIG (Foto: Europa Press).
photo_camera Presentación da campaña do 1 de maio da CIG (Foto: Europa Press).

A Confederación Intersindical Galega (CIG) fixo un chamamento á cidadanía para que se mobilice a vindeira segunda feira, día 1 de maio, Día Internacional da Clase Traballadora, co obxectivo de "dar resposta a unha realidade económica e social extrema" na Galiza

Nunha rolda de prensa en Compostela, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, presentou a campaña para esta data, baixo o lema 'Paremos o saqueo'. Así, sinalou que "se está sufrindo unha espiral xeneralizada de subida dos prezos e inflación", o que "está a causar unha deterioración nas condicións de vida".

Carril referiuse, entre outras cuestións, a "unha nova reforma das pensións que amplía os recortes" e que "se suma á última reforma laboral coa que nin se recuperan nin se gañan dereitos".

Sobre isto, o secretario xeral da CIG apuntou que, case un ano despois da súa entrada en vigor "baixo as novas formas contractuais segue crecendo a flexibilidade, a inestabilidade laboral e avanza a precariedade".

"Son tempos de loita para conquistar políticas alternativas, exixindo a intervención pública da economía e de sectores estratéxicos, como o enerxético, e tamén dos mercados, para pór fin á especulación de bens básicos", destacou Carril.

Políticas económicas

Nesta liña, remarcou que "o avance da dereita e da ultradereita hai que confrontalo e non alimentalo coas mesmas políticas económicas inxustas". Así, manifestou que "o capital está a tirar proveito da inflación e da carestía da vida" e "obtendo beneficios millonarios a conta de especular cos prezos".

Carril afirmou que as políticas económicas "están a acelerar o aumento e as desigualdades e a pobreza" na Galiza. Desta forma, asegurou que o Goberno de Alfonso Rueda "vive entregado á carreira electoral de Feixoo en Madrid" e "segue mentido nunha acción de desmantelamento masivo".

Ademais, sinalou que "hai que mobilizarse ante a patronal" para "dar resposta á realidade económica e social extrema por moito que a encubran no diálogo social con UXT e CCOO".

Manifestacións

Deste modo, os representantes sindicais explicaron que, en total, convocan para o día 1 de maio no país 15 manifestacións, das cales a central terá lugar en Vigo na Dobrada ás 12 horas.

En Pontevedra a mobilización será ás 11.30 horas, mesma hora que en Vilagarcía de Arousa. Así, na Estrada -Praza do Mercado- e Ribeira -no Mercado- terá lugar ás 12 horas e será ás 18 horas en Cangas -Casa do Concello-.

Desta maneira, a cidadanía está chamada ás 12 horas na Coruña -Praza de Vigo-, Cee -Casa do Concello-, Ferrol -Local da CIG-, As Pontes -Praza do Hospital- e Santiago -Praza Roxa- e Ribeira.

En Lugo terá lugar ás 12 horas no Edificio Sindical, mentres que en Burela será á mesma hora no propio local da CIG. Así, en Ourense a mobilización será na Praza Maior ás 11.30 horas e en Verín -diante do Concello- ás 12 horas.

Comentarios