Vacacións, dereito á folga, negociación colectiva... Cumpre a lexislación española a Carta Social Europea?

A CIG pon o foco nas conclusións do Comité Europeo de Dereitos Sociais, que sinala unha serie de incumprimentos en materia laboral no Estado español.
En 2022 só se finalizaron na Galiza 103 vivendas de protección oficial (VOP), e só nove eran con destino a aluguer. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera "Reforma laboral tras reforma laboral, seguen vixentes normas e regulamentacións que deben axustarse á Carta Social Europea", denuncia a CIG. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
  1. Xornada laboral
  2. Vacacións
  3. Negociación colectiva
  4. Preaviso en contratos de proba
  5. Salarios

O Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS), entidade adscrita ao Consello de Europa, vén de difundir as súas conclusións relativas ao pasado ano 2022 a respecto do cumprimento dos preceptos dispostos na Carta Social Europea (CSE), documento que entrou en vigor en 1965 e que foi sometido a unha profunda actualización de obxectivos tres décadas despois. Aborda neste documento os artigos incluídos no apartado de Dereitos laborais, que está conformado, entre outros, polo dereito a unhas condicións de traballo xustas (artigo 2 da Carta), o dereito a unha remuneración digna (artigo 4) e o dereito á negociación colectiva (artigo 6).

Estas conclusións foron elaboradas a raíz dos informes remitidos polo Goberno español para o período de referencia 2017-2020 e das alegacións presentadas por diferentes organizacións sociais e sindicais, entre elas CCOO, UXT ou a CIG. Esta última central sindical chama a atención agora sobre uns resultados "novamente negativos", pois das 17 situacións avaliadas, oito conclusións son de non conformidade no cumprimento do disposto na CSE e seis de conformidade.

A maiores, outras tres relacionadas cos dereitos á sindicación, á negociación colectiva e a participar na determinación e mellora das condicións e a contorna de traballo, "non puideron resolverse por falta de información suficiente", cuestión esta que o Comité considera "un incumprimento da obriga de información contraída polo Estado español en virtude da Carta de 1961", salienta a CIG.

Xornada laboral

Entre outras cuestións, o informe final do CEDS lamenta que unha semana laboral total, no marco de "normativas de flexibilidade" e para determinadas categorías, pode alcanzar até 60 horas semanais ou superar as 60 horas por semana, o que "non é razoábel".

Vacacións

Outro aspecto que valora o Comité é a vulneración no Estado español do dereito a gozar de, cando menos, un período anual de vacacións ininterrompidas de dúas semanas. Este incumprimento, recolleu a CIG nas súas alegacións, prodúcese tamén no sector público.

Negociación colectiva

Sobre o dereito á negociación colectiva, subliña que se vulnera no Estado o apartado 2 do artigo 6, pois, incide o sindicato, "a lexislación permítelle ás empresas non aplicar unilateralmente as condicións pactadas nos convenios colectivos". Indica, ademais, que "a lexislación autoriza o Goberno a impor a arbitraxe para pór fin a unha folga nos casos que superen os límites estabelecidos polo artigo 31 da Carta de 1961".

Preaviso en contratos de proba

O Comité tamén cuestiona que na lexislación española non se contemple un período de aviso previo para notificar ás persoas traballadoras a extinción dun contrato en período de proba. As leis en materia laboral, de feito, seguen sen axustarse ao disposto na Carta Social Europea.

Salarios

O Goberno español acordou recentemente subir a 1.080 euros mensuais, en 14 pagas, o salario mínimo interprofesional (SMI), a fin de equiparalo a 60% do salario medio, tal e como recolle a CSE. Porén, o comité, no momento da avaliación —previo á adopción desa medida—, sinala que o SMI segue a ser insuficiente para garantir unhas condicións de vida dignas.

"As conclusións son a evidencia de que na lexislación laboral española, reforma laboral tras reforma laboral, seguen vixentes normas e regulamentacións que deben axustarse á Carta Social Europea. Confírmase unha vez máis, o que desde a CIG vimos reclamando sobre a necesidade do cumprimento xa polo Estado español da Carta", precisa o secretario xeral da central sindical, Paulo Carril.

Comentarios