Educación

A CIG aspira a revalidar a maioría nas eleccións sindicais das universidades: este é o seu programa

A central sindical eríxese como "defensora inquebrantábel da universidade pública" fronte á universidade privada autorizada pola Xunta a Abanca.
As anteriores eleccións sindicais nas universidades foron en 2019.
photo_camera As anteriores eleccións sindicais nas universidades foron en 2019.

O vindeiro 9 de maio os traballadores e traballadoras das tres universidades públicas do país están chamadas a participar das eleccións sindicais que determinarán o peso de cada organización de cara aos próximos catro anos. A CIG-Ensino, sindicato maioritario na actualidade, aspira a revalidar os resultados de 2019 presentando unhas candidaturas "abertas e plurais" nos sete campus da UVigo, a UDC e a USC.

En concreto na Universidade da Coruña concorren a estas eleccións 16 homes e 16 mulleres dentro da categoría de PDI funcionario, con Laura María Castro Souto, profesora titular da Facultade de Informática, como número 1. No colectivo de PDI laboral, encabeza a lista o profesor contratado doutor da Facultade de Ciencias Ramón Muíño Boedo, que está acompañado por 19 mulleres e 23 homes.

Na Universidade de Santiago de Compostela a candidatura de PDI, conformada por 29 persoas —15 mulleres e 14 homes—, leva como cabeza de lista Esther Martínez Piñeiro, profesora titular da Facultade de Ciencias da Educación. Por campus, a de PDI laboral de Compostela agrupa 36 persoas —19 mulleres e 17 homes— e encabézaa o tamén profesor contratado doutor da Facultade de Ciencias da Educación, Xosé Carlos Macía Arce, mentres que polo colectivo de PDI laboral de Lugo optan a representación 9 homes e 6 mulleres, co investidador posdoutoral, Adrián Casanova Chidana, da Facultade de Veterinaria, no primeiro posto.

Por último na Universidade de Vigo, no caso de PDI funcionario a lista está conformada por 30 persoas, das cales 20 son homes e 10 mulleres, e o número 1 da mesma osténtao o profesor titular da Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte de Pontevedra Aquilino Alonso Núñez. No colectivo de PDI laboral a CIG-Ensino presenta candidaturas por separado no campus de Pontevedra e no de Ourense. No primeiro caso optan a ser delegados ou delegadas 12 homes e 10 mulleres co investigador do programa Margarita Salas na Facultade de Ciencias do Mar, José Iglesias Prado, á cabeza. En Ourense, o posto número 1 neste colectivo é para o profesor axudante doutor da Facultade de Educación e Traballo Social Jesús Deibe Fernández Simo. A candidatura de PDI laboral está composta neste caso por 7 homes e 7 mulleres.

Programa electoral

Desde a CIG salientan as "importantes mudanzas" ás que fará fronte nos próximos anos o sistema universitario galego por mor da aplicación das novas Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) e Lei da Ciencia. Unha das súas principais reivindicacións é constituír unha Mesa Universitaria galega "na que se terían que negociar aqueles aspectos que non dependen en exclusiva da normativa estatal".

"Desde a CIG-Ensino somos conscientes que hai temas determinantes no curto prazo como son os procedementos transitorios de selección de profesorado, a nova normativa de procesos de selección e a actualización das normas relacionadas co PDI, incluído o convenio colectivo, que deberá adaptarse ás novas figuras laborais e debe dar resposta aos problemas que levaron á CIG e formular reclamacións e conflitos colectivos contra as tres universidades", precisan.

No que atinxe ás condicións laborais, a central sindical considera fundamental "reter o talento investigador e recuperar a quen se viu forzado a marchar ante a limitación provocada por políticas restritivas como a taxa de reposición destes últimos anos". Un esforzo, subliñan, que "ten que ser prioritario nos vindeiros anos ante un avellentamento do cadro de PDI e das numerosas xubilacións que se van producir nos vindeiros anos".

Urxen tamén actualizar o mapa de titulacións que se ofertan e recuperar a xubilación anticipada aos 60 anos, eliminada para o PDI funcionario despois de 2011 nas sucesivas reformas do goberno aprobadas polos sindicatos estatais. "A este dereito debera poder acceder todo o PDI, sen distinción, garantido que quen cumpre os requisitos de anos cotizados, por desgraza cada vez menos xente pola tardía incorporación á docencia universitaria, poidan desfrutar dos mesmos dereitos que o PDI titular e catedrático que accedeu antes desa data", apuntan.

A CIG-Ensino esixe, ademais, unha "maior atención á saúde laboral", tanto mediante a elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais como regulando medidas de adaptación do posto de traballo para o persoal que, por motivos de saúde, non poida desenvolver a súa actividade de forma normal. Pide tamén un "reforzo" do papel dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral dentro de cada unha das institucións universitarias.

En materia de conciliación, o sindicato propón aumentar, "ao igual que para o resto de traballadoras e traballadores deste país", os permisos de paternidade e maternidade, igualando primeiro en 22 semanas ambos os dous, co obxectivo de incrementalos a un ano e permitindo que as familias monoparentais poidan gozar dos dous. Tamén exixen adaptar a normativa para que a redución de xornada se centre na redución de carga horaria lectiva e aumentar e mellorar a dotación de servizos sociais para as persoas, "tanto as que traballan como que son usuarias das universidades", son outras das medidas que van neste sentido.

En relación tamén coa promoción da igualdade real, a CIG-Ensino propón a elaboración e execucións de "plans que fomenten a igualdade de xénero en todos ámbitos da vida universitaria, tamén con accións dirixidas ao alumnado e ás actividades extraacadémicas".

Finalmente, a respecto das políticas de normalización lingüística, a central sindical lamenta a "practicamente irrisoria" presenza do galego nalgunhas titulacións. "Xa non digamos como lingua vehicular nas tarefas de investigación ou administrativas", lamentan. Por iso, reclaman "cumprir a normativa vixente" e pór en marcha "plans de formación específicos para mellorar as competencias lingüísticas de todo o persoal", así como a "galeguización da burocracia administrativa e da comunicación que veñen realizando ou o fomento e a promoción do noso idioma en todos os actos e accións dirixidas á comunidade universitaria, sexan académicas ou extraacadémicas".

A campaña decorrerá baixo o lema 'Na defensa da universidade pública', en alusión ao "desafío da Xunta de autorizar a primeira universidade privada da Galiza á entidade financeira Abanca e a escaseza de oferta de títulos moi demandados que obrigan a alumnado galego a matricularse en universidades privadas de fóra". A CIG-Ensino eríxese como "defensora inquebrantábel da universidade pública".

Comentarios