A hostalaría galega reclama axudas para poder facer fronte aos préstamos do ICO

O sector reclama ser incluído nas novas moratorias, pois argumenta que a inflación impediu que a hostalaría se recuperase da crise.
A suba da inflación está a complicar a recuperación da hostalaría, que teme non poder facer fronte ao pagamento dos préstamos (Foto: Europa Press).
photo_camera A suba da inflación está a complicar a recuperación da hostalaría, que teme non poder facer fronte ao pagamento dos préstamos (Foto: Europa Press).

O sector da hostalaría, nomeadamente bares cafetarías e restaurantes, foi dos que máis préstamos avalados polo Instituto de Crédito Oficial (ICO) solicitou nos meses máis duros da pandemia. 

En cuestión de semanas, moitos destes negocios terán que comezar a amortizar eses préstamos, unha vez superado o prazo de carencia fixado polo Estado. 

O problema, como denuncian desde o sector, é que a actividade aínda non se recuperou a 100%, dado que na Galiza os feches foron máis prolongados que noutras partes do territorio español, mais  tamén pola forte suba dos custos de produción, en especial do prezo da luz.

Como sinala a Nós Diario o presidente da asociación Hostalaría.gal, Lois Lopes, o que piden é "unha moratoria como as que teñen noutros sectores", en alusión á ampliación dos prazos que fixou o Executivo estatal para agricultura, gandaría, transporte e pesca dentro do plan de resposta á guerra en Ucraína. "Parece que temos asumido que a hostalaría retomou a actividade previa á pandemia e iso non é certo", lamenta.

Neste senso, Lopes avanza que moitos negocios "van ter problemas para devolver os préstamos e tamén para subsistir". Tamén bota en falta axudas directas, tanto do Goberno español como da Xunta da Galiza, para conter o impacto da inflación no sector.  

"Non é unha broma. Houbo gastos que se multiplicaron por tres, pero non podemos facer o mesmo cos prezos", explica o presidente de Hostalaria.gal, que lembra que mentres a inflación subiu perto de 10%, os prezos no sector tan só o fixeron 4%, asumindo os negocios boa parte do incremento de custos.  

Menos gasto en ocio

Pola súa parte, Daniel Lourenzo, presidente da Asociación de Hostaleiros e Empresarios de Pontevedra (Hoempo), recoñece que quedar fóra das prórrogas "supón un gran problema" para a maioría dos hostaleiros que pediron os préstamos do ICO. 

"Deberían incluír a hostalaría nesa moratoria ou dar algún tipo de axuda para esa xente que agora ten moi difícil empezar a pagar pola inflación", sinala o empresario, que afirma que ao sector "estalle a custar moito volver á normalidade, porque o poder adquisitivo da xente baixou e o primeiro que recorta é o seu gasto en ocio, e iso a hostalaría nótao", abunda. 

Respecto ao impacto da inflación, indica que os negocios están a asumir parte dos custos, "pero non hai máis remedio que subir os prezos, porque senón estariamos a traballar a perdas, e iso non o imos facer", asegura. 

Plan de rescate

Sergio Fernández, vicepresidente de Hostalaría Federadada de Galicia (Hosfega) , tamén amosa a súa sorpresa por quedar fóra da moratoria. Mesmo estuda solicitar unha xuntanza con ministra do ramo "para poder abordar esta cuestión e solucionala".

Con todo, asume que moitos estabelecementos que xa non poden asumir os propios custos terán que fechar. "Volvemos estar no esquecemento. Por iso temos que levantar a voz e dicir que estamos aquí", sinala, criticando que non se artellase un plan de rescate para o sector a medio prazo que tivese en conta estes escenarios, que "xa sabíamos que se ían dar".

Comentarios