A pandemia resta perto de 2.000 millóns á facturación de bares e restaurantes

A hostalaría galega estima en 1.939 os millóns de euros que deixou de gañar pola Covid-19 e as súas restricións malia que haxa momentos puntuais de moita afluencia aos negocios.
Xente nas terrazas da hostalaría coruñesa após a entrada en vigor das novas medidas. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Xente nas terrazas da hostalaría coruñesa após a entrada en vigor das novas medidas. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O empresariado da hostalaría na Galiza estima que perdeu perto de 2.000 millóns de euros na facturación debido aos efectos da Covid-19. Así o manifestou esta terza feira, 21 de decembro, ao darse a coñecer o anuario 2021 da entidade Hostalaría de España. 

O informe amosa os principais datos do sector, quer a nivel estatal, quer por territorios en 2020 e analiza tamén 2021 ao tempo que fai unha aposta do que pode acontecer ao longo de 2022. Así, alude a unha cantidade de 1.939 millóns de euros de menos ingresados no país pola pandemia.

Segundo o estudo, na Galiza bares e restaurantes facturaron 5.103 millóns en 2019, é dicir, un 4,8% da riqueza do territorio.

Un ano despois os contratos de traballo -cómpre lembrar que a hostalaría é un dos mercados laborais máis grandes xunto co comercio- quedaron en pouco máis de 60.000 ao ingresar 3.164 millóns. Isto representaría o 3% do PIB galego.

O sector contaba antes da crise sanitaria con perto de 21.000 estabelecementos dos cales un 93% correspondía ao subsector de restauración que daba emprego a algo máis de 67.000 persoas, segundo os seus propios datos.

Restauración e hospedaxe, en números moi baixos

A produción descendeu en 2020 un 38%, e o emprego nos servizos de restauración un 10,2%. Os prezos hostaleiros reduciron a súa taxa interanual nove décimas en 2020 ata un 1,9%, cunha evolución diferente nas dúas ramas de actividade.

En restauración a taxa interanual descendeu seis décimas respecto a a do ano anterior, situándose en 2,1%, mentres que no aloxamento foi negativa (-0,4%).

Comentarios