O administrador e o comité de Alu Ibérica reúnense coa Xunta para "buscar unha alternativa" á planta coruñesa

"Imos exixir ás administracións que cumpran o prometido: pleno emprego e a garantía da fabricación de aluminio", di o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho.
Entrada á factoría de Alu Ibérica na Coruña (Foto: Arxina).
photo_camera Entrada á factoría de Alu Ibérica na Coruña (Foto: Arxina).

O administrador concursal e o comité de empresa de Alu Ibérica, liderado polo seu presidente, Juan Carlos López Corbacho, reuníronse esta quinta feira coa directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, para "buscar unha alternativa industrial" á planta da Coruña e "pola en marcha canto antes".

Malia que, tal e como asegurou Corbacho á saída da reunión, "non hai novidades de momento", incidiu en que se atopan ante "unha situación crítica, na que hai tratar de buscar a activación da planta". "Cónstanos que hai carga de traballo para a planta da Coruña, para a parte de aluminio e para a pasta metalúrxica, así que imos explorar esa vía para tratar de pór a planta en macha canto antes", explicou.

Sobre a mesa, dous proxectos industriais: por unha parte, a produción de aluminio primario complementado con aluminio secundario, o "plan A" para Corbacho; e por outra, a produción só de aluminio secundario. "Para chegar aí, hai que reactivar a planta, que leva sen producir desde xullo e cos traballadores en ERTE desde novembro", lembrou, e apuntou ademais que fai falta "financiamento", algo que espera que se concrete na reunión co Ministerio de Industria prevista para a vindeira terza feira.

Onde non entrou Corbacho é no prezo de venda da planta, sobre o que se limitou a dicir que "probabelmente ten unha débeda importante, mais ten tamén activos que seguramente sexan moito máis importantes que a débeda que poida ter".

A respecto do papel do administrador concursal, o presidente do Comité sinala que "hai unha lei para executar" e que nesa liña "pódese facer dunha forma ou outra". "Dentro desa vía, imos tentar reactivar a planta porque cremos que vai traer menos carga e menos débeda á planta o tempo que estea o administrador aquí. Nese tempo hai que explorar a vía de vender a planta a un investidor solvente para buscar un proxecto laboral de futuro que nos dea emprego a todos", afirmou.

Corbacho, porén, afirmou que "queda moito traballo por facer e pouco tempo" e insistiu en que "concretar en que termos de financiamento vaise reactivar a planta é o primeiro". Ademais, apelou ao papel das administracións, "responsábeis" e ás que van esixir que os axuden a "saír da situación". "Até aquí viñemos con eles e imos saír con eles; imos exixir que cumpran o prometido: pleno emprego e a garantía da fabricación de aluminio", asegurou.

A Xunta pide "implicación" ao Estado

Pola súa banda, a directora xeral de Planificación Enerxética incidiu en que o obxectivo de todos "continúa sendo manter un contacto activo co administrador e o comité de empresa para buscar a mellor solución posíbel á planta coruñesa: buscar un investidor e reactivar a planta canto antes".

Uría explicou que tanto a Xunta como o equipo técnico de traballadores da planta traballaron nun caderno de venda no que se ofrecen as diferentes posibilidades viábeis, un documento revisado esta quinta feira polo administrador concursal. Así, a pesar de recoñecer que a situación é "complicada e complexa", a representante do Goberno galego defendeu que o futuro da planta "pasa por un binomio de sustentabilidade; unha produción de aluminio verde que realmente cambie o proceso produtivo de Alu Ibérica".

Coa meta ademais de "manter o emprego na medida das posibilidades reais que poida haber na planta", Uría pediu ao Executivo estatal que "arrime o ombreiro", tanto ao Ministerio de Industria como ao de Transición Ecolóxica, para "dar un xiro de 180 graos a esta situación". "Levamos nesta situación desde hai tres anos porque non existe un marco eléctrico estábel e competitivo, e esa é a orixe real do problema, cada vez máis perentorio".

Comentarios