A crise industrial non dá tregua a Galiza

Vestas, Alcoa ou Alu Ibérica non son unha excepción. O complexo industrial galega vive nunha alongada crise desde 2008, até o punto de perder desde aquela un de cada cinco empregos, que os expertos consideran chaves polo seu efecto multiplicador para o conxunto da actividade económica. As perspectivas para os vindeiros meses asustan.
Manifestación dos traballadores de Vestas en Viveiro. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manifestación dos traballadores de Vestas en Viveiro. (Foto: Europa Press)

Vestas é a última compañía en facer pública a súa intención de fechar o seu centro de produción na Galiza. O xigante danés dos compoñentes eólicos, cunha factoría aberta en Viveiro desde hai máis de dúas décadas, anunciou aos seu máis de 100 traballadores a súa decisión de parar a actividade e xa comezou a tramitación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE). A medida, adoptada nun momento de auxe do sector das renovábeis e cando se tramitan a instalación de arredor de 10.000 megawatts no país, ven precedida polo feche dunha fábrica análoga do grupo Gamesa nas Somozas, que ten representado o despido de 215 empregados e a deslocalización da totalidade da produción a Portugal.

O sector eólico non é o único en destruír emprego. A industria do aluminio non vive momentos mellores, unha vez que a multinacional Alcoa decide non continuar na súa factoría de San Cibrao en Cervo, da que dependen 500 empregos directos e outros tantos indirectos e se nega a favorecer unha operación de venda a outros grupos interesados. Pola súa banda, a situación da fábrica de aluminio da Coruña, en mans do grupo Alu Ibérica, é cada día máis complicada, tendo solicitado a administración xudicial un concurso de acredores para facer fronte á situación. Neste caso, a ameaza do despedimento paira sobre 320 persoas. 

O automóbil e o naval, dous sectores chave no complexo industrial galego, enfrontan unha situación límite. A falla de concretar os axustes impostos polo novo modelo de transporte derivado da transición enerxética, a problemática xerada polo escaseza de microchips está a provocar paros continuados e unha importante caída da produción na factoría de Stellantis en Vigo. Outro tanto, acontece na construción naval, outrora unha actividade punteira na economía galega, tras perder en 2020, o 20% da súa facturación e 30% do seu emprego.

A febleza do sector industrial

Os diversos informes publicados nos últimos tempos certifican a debilidade do sector industrial. A este respecto, resulta clarificador que ao longo de 2020 a caída do sector manufactureiro galego foi 11 puntos superior ao experimentado polo conxunto do Produto Interior Bruto (PIB). Na mesma dirección, os dados do informe Ardán ou do Foro Económico da Galiza deixan claro o impacto da pandemia naqueles sectores tractores da industria, como o téxtil, o automóbil ou o mar, que representa máis de 3% do PIB, emprega a 37.000 persoas a través de 4.000 empresas e factura arredor de 10.000 millóns 
de euros anuais.

A crise do sector industrial é moi anterior ao comezo da pandemia do coronavirus. O seu valor engadido bruto descendeu en 2019 en 1,4% en relación a 2018, sinalando o profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Bernardo Valdês que “entre 2008 e 2019 o valor engadido bruto na industria manufactureira radicada na Galiza caeu case 8% en termos correntes. Nese mesmo período o valor xerado polas manufacturas alemás incrementouse en 29%”. A este respecto, Valdês destaca que “é certo que se ven producindo un cambio na xeografía industrial a nivel comunitario, mais non precisamente en prexuízo do centro da Unión Europea”.

Galiza perdeu 383 empresas do sector industrial entre 2018 e 2019. Segundo se recolle no traballo do Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza (IDEGA) da USC, A economía galega. Informe 2019/2020, “a comezos de 2019 Galiza contaba con 388 empresas industriais menos que en 2018, dás que 268 tiñan menos de 10 traballadores e 120 eran de  maior tamaño. Iso supón unha nova perda na dimensión dun sector que viu como de contar en 2008 con 214.600 ocupados, pasou a 179.400 en 2019 e, en termos de empresas  industriais, de 15.089 a 12.347”. A este respecto, a profesora da USC, María Cadaval lembra que “Galiza leva perdido un de cada cinco empregos industriais desde o ano 2008”.

A produción industrial está moi por baixo das cifras de 2007 non conseguindo recuperar en ningún dos exercicios os niveis anteriores á crise. Neste sentido, os autores do relatorio. A economía galega. Informe 2019/2020 destacan que “a produción industrial en 2019, que como indicamos foi inferior  á de 2018, distaba aínda moito de alcanzar a lograda na primeira década deste século. Así, mentres o valor medio do Índice de Produción Industrial (IPI) xeral en 2007 (base 2015) era 140,1, en 2019 era 105,1; cunha diferenza de 35 puntos que reflicte  unha preocupante caída na actividade industrial”. Ao tempo, en 2019 só os sectores da alimentación, bebidas, papel, químicas e  outras industrias manufactureiras superaban a produción de 2007.

Intervención pública de Alcoa

O comité de empresa de Alcoa compareceu onte para reclamar ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, a intervención da factoría da multinacional de San Cibrao en Cervo. A representación dos traballadores urxe o mandatario galego que achegue esta demanda ao Executivo do Estado e anuncia unha nova mobilización para o 10 de outubro en Lugo diante do edificio da Subdelegación do Goberno.

Comentarios