Alu Ibérica pasou en dous anos das mans de Alcoa ao concurso de acredores

O comité de empresas de Alu Ibérica culpa a Xunta e o Estado español da situación e anuncia novas mobilizacións.
Entrada á factoría de Alu Ibérica na Coruña (Foto: Arxina).
photo_camera Entrada á factoría de Alu Ibérica na Coruña (Foto: Arxina).

Hai xa máis de dous anos, en xullo de 2019, Alcoa cedía o mando das súas plantas da Coruña e Avilés ao fondo suízo Parter nunha operación de venda avalada polas Administracións. Nacía así Alu Ibérica, una firma chamada a devolver a actividade a ambas as factorías de produción de aluminio, que os meses precedentes arrastraran problemas de produción derivados dos cambios no mercado enerxético e a perda de bloques nas poxas de interrumpibilidade do Goberno.

Mais a realidade foi ben distinta. Tan só uns meses despois da operación, Parter desfacíase da maior parte das accións de Alu Ibérica e pasaba o control ao Grupo Industrial Riesgo, unha firma que agora está a ser investigada pola Audiencia Nacional pola presunta descapitalización da empresa nas sucesivas operacións de venda e que, até o último minuto, insistiu na viabilidade da empresa. 

Porén, Alu Ibérica foi intervida por decisión xudicial en maio deste ano, antes de que se cumprisen os dous anos da venda. En xullo, case coincidindo coa efeméride, a Audiencia Nacional retirou os directivos de Riesgo as funcións de xestión e nomeou un administrador xudicial que, após comprobar a situación económica da empresa, ordenou parar a produción e instar o concurso voluntario de acredores para protexer o seu patrimonio e os dereitos do persoal e do resto de acredores.

A pasada cuarta feira, a xuíza que leva o caso, María Tardón, autorizou a petición do administrador xudicial.

O comité exixe solucións

Os principais afectados por esta decisión son os traballadores e traballadoras da firma que, segundo denunciou onte o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, levan "meses sen cobrar"

"Isto non pode seguir así", admitiu Corbacho nunha rolda de prensa na que exixiu as Administracións "unha solución". No caso de non fagan nada, pedirán "a dimisión" da ministra de Industria, Reyes  Maroto e da de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira. Tamén sinalou á Xunta como "culpable" desta situación e dixo que non saben nada dos posíbeis investidores que o Goberno di buscar para a planta.

Segundo argumentou, todo o que está a acontecer é froito dunha "trama criminal" para desfacerse da planta e do sector. 

Novas mobilizacións

Á vista do acontecido, o comité de empresa anunciou unha concentración o vindeiro 10 de decembro ante a Delegación do Goberno na Galiza "para mostrar o enfado e pedir solucións" para a planta da Coruña. "Se somos un sector esencial, o Goberno ten que dar solucións", insistiu López Corbacho.

Nesta liña, o representante sindical mostrou o malestar do persoal de Alu Ibérica pola non convocatoria da mesa industrial. Sinalou que había "un compromiso" da ministra de Industria desde hai meses, pero que aínda están a esperar esa reunión. 

Na súa opinión, "o idóneo" para darlle a volta á situación sería a creación dun organismo público no que colaboren as administracións para "protexer o sector". Máis adiante deberíanse buscar esas solucións "no ámbito privado", considerou.

Comentarios