Segundo os datos actualizados na mañá deste venres pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da quinta feira, aumentan a 53 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 na Galiza (+4), mais descenden a 507 as hospitalizadas noutras unidades (-32), mentres que 78.132 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio. Hai unha semana había 19 ingresados menos (541).
Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en catro das sete: Vigo, A Coruña-Cee, Ourense-Verín-O Barco e Compostela-O Barbanza; mantense na de Ferrol; e sobe lixeiramente nas de Lugo-A Mariña-Monforte e Pontevedra-O Salnés.
Así, na de Vigo, aínda que aumentan os pacientes Covid en UCI a nove (+2), descenden a 65 os ingresados noutras unidades (-16); mentres que na da Coruña soben a 13 o críticos (+1), pero caen a 128 os doutras unidades (-12). Na de Ourense tamén se rexistra un descenso significativo nos pacientes Covid en unidades convencionais, que caen a 67 (-11), mentres que aumentan a oito o críticos (+1).
A área de Compostela rexistra sete pacientes Covid en UCI (-1) e 80 noutras unidades (-1), mentres que na de Ferrol aínda que se reducen a dúas o críticos (-1), aumentan a 35 os ingresados noutras unidades (+1). Pola súa parte, na área de Pontevedra increméntanse a oito os pacientes Covid en UCI (+1) e a 81 os ingresados noutras unidades (+5), mentres que na de Lugo soben a seis o críticos (+1) e a 51 os doutras unidades (+2).
Máis casos activos
A Galiza mantén a tendencia ascendente dos casos activos de Covid-19, que se sitúan en 78.692, o que implica 1.456 máis que o día anterior ao haber máis contaxios (6.339) que altas (4.876), ao que se engaden sete falecementos. Con respecto a hai unha semana, a cifra é maior que o venres 14 de xaneiro, cando había 64.781 infeccións tras cambiarse desde o día anterior o sistema de altas con corentenas máis curtas.
Por áreas sanitarias, os casos activos descenden unicamente de novo na de Ferrol (-16), mentres que aumentan no resto coa de Vigo á cabeza (+492), seguida da de Compostela (+340), A Coruña (+335), Lugo (+161), Pontevedra (+85) e Ourense (+59). Por tanto, con máis casos activos continúa a área sanitaria de Vigo, con 20.899; seguida da da Coruña, con 16.187; Compostela, con 12.095; Pontevedra, con 9.260; Ourense, con 8.242; Lugo, con 8.049; e á cola mantense a de Ferrol, con 3.960.
Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade este pasado 20 de xaneiro, a incidencia acumulada a 14 días descende de novo lixeiramente na Galiza a 3.333 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 3.279 de media no conxunto do Estado, que tamén baixa.
Menos contaxios
Os novos contaxios de Covid-19 baixan até os 6.339, que supoñen 299 menos que os 6.638 da xornada anterior, após os 6.619 da cuarta feira, despois de rexistrar 4.716 a terza feira e comezar esta semana con 4.916. Con todo, están por baixo dos 8.427 detectados hai unha semana, o venres 14 de xaneiro.
Así, desde o inicio desta pandemia ascenden na Galiza a 364.834 contaxiados por coronavirus, dos que 84.998 corresponden á área de Vigo; 77.072, á da Coruña; 55.167, á de Compostela; 45.064, á de Ourense; 43.299, á de Pontevedra; 37.721, á de Lugo; e 21.513, á de Ferrol. En toda a Galiza nas últimas 24 horas efectuáronse 6.799 PCR (-71), que elevan a 3.492.808 as realizadas desde o inicio da pandemia; e 9.491 test de antíxenos (+63), que suman 1.334.122. Entre ambos os tipos constitúen 16.290, o que implica oito probas menos feitas que o día pasado.
En canto á taxa de positividade en PCR —número de infeccións detectadas cada 100 tests—, sobe a 23,4% tras situarse en 21,8% esta quinta feira, despis de estar en 18,73% a cuarta feira e descender esta terza feira a 16,3%. Con todo, fica moi por riba do limiar de 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.
Persoas falecidas e curadas
Pola súa banda, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en todo o país ascenden a 2.868, ao notificar Sanidade esta quinta feira sete óbitos. Pola contra, 283.323 persoas diagnosticadas de coronavirus curáronse na Galiza desde o comezo desta crise sanitaria, que implican 4.876 máis que as rexistradas até o día pasado.