Ómicron: leve para o individuo, grave para a sociedade

A UE, como a OMS, inclínase por non acelerar a 'gripalización' da Covid.
EuropaPress_4190379_10_january_2022_baden_wuerttemberg_heitersheim_student_uses_swab_to_take
photo_camera Un estudante alemán dun instituto de Heitersheim, realizando un autotest detección da Covid-19 tras a voltas das vacacións do Nadal (Foto: Philipp von Ditfurth / dpa)

Pode que haxa máis vagas, mais as vacinas non nos fallaron. A comisaria de Sanidade da UE, Stella Kyriakides, evitou dar certezas ─"xa vivimos moitas vicisitudes ao longo desta pandemia"─, mais mostrouse confiada na eficacia da inoculación contra a Covid á vista dos datos actuais de mortes.  

Nunha conversa con xornalistas en Bruxelas, a política chipriota recoñeceu que as vacinas non protexen por completo da infección e da transmisión. "Mais sabemos que en xeral reducen as posibilidades de contaxio e, por suposto, de enfermidade grave", remarcou.

De feito, inclinouse máis cara á posibilidade que vén callando na comunidade científica nos últimos meses: a Covid chegou para ficar entre nós. "É pouco probábel que desapareza por si mesma. E até que torne en endémica [...] cómpre protexérmonos e os que nos rodean por medio da vacinación", sinalou.

Pandemia vs. endemia

Mais que significa que unha enfermidade torne en endémica? Isto acontece cando esta aparece cunha periodicidade regular en certas áreas de acordo con certos patróns estabelecidos. É dicir, que se pode predicir. As pandémicas, pola contra, son as doenzas que se producen en vagas imposíbeis de prognosticar, tras surtos en calquera parte do Planeta.

Dentro da UE, o Goberno español foi o primeiro en propor que a Covid pase a ser considerada endémica. Na práctica isto suporía deixar de rexistrar o número de casos e de facer tests ás persoas con síntomas. A suxestión, realizada a semana pasada, está a ser analizada por Bruxelas.

Considerar endémica a Covid-19 ─a súa "gripalización", nun paralelismo coa estacionalidade da gripe─ pode funcionar en países desenvolvidos con altas taxas de vacinación, mais para o resto "aínda resta un longo camiño", como lembrou hai unhas semanas Catherine Smallwood, experta en doenzas infecciosas da OMS

Ademais, designar unha enfermidade endémica supón en principio destinar menos recursos para combatela, ao deixar de ser unha "emerxencia para a saúde pública". O Comité de Emerxencia da OMS aconsellou o 14 de xaneiro manter a "emerxencia internacional" (a OMS tecnicamente non declara "pandemias").

"A xente fala de pandemia en oposición a endemia, mais a malaria é endémica, igual que o VIH, e matan centos de miles de persoas, así que endémico non é algo bo, só significa que está aquí para sempre", reflexionou esta semana o director de Urxencias Sanitarias da OMS, Mike Ryan. 

Risco de saturación

Mais se a vacinación evita mortes, cal é o problema? En primeiro lugar, a xigante desigualdade no reparto das vacinas que fai de certos países perfectos caldos de cultivo para o xurdimento de variantes, "unha ameaza constante" para a volta á normalidade e que pode mudar o curso da pandemia rapidamente, segundo Kyriakides.

E en segundo lugar ─asegurou─ porque unha menor letalidade non significa unha menor presión sobre os sistemas sanitarios. "Ómicron pode ser máis leve en canto á afectación das infeccións para o individuo, mais en ningún caso debería ser considerada unha variante leve. Continúa a ser un virus perigoso. O peso dos números que estamos a ver é abondo para saturar os sistemas de saúde", explicou.

En calquera caso, asegurou que "cada vez está máis claro que os Estados membros que van sufrir máis son os que teñen menores taxas de vacinación". 

Acordo para facilitar a pastilla anticovid a países sen recursos

Un total de 27 de fabricantes de medicamentos xenéricos de 11 países do mundo (Bangladesh, China, Corea do Sur, Exipto, India, Indonesia, Kenia, Paquistán, Suráfrica, Vietnam e Xordania) asinaron esta quinta feira un acordo coa Medicines Patent Pool (MPP), organización apoiada pola ONU, para facilitar o acceso de 105 países con poucos recursos á pastilla anticovid de Merck. Kyriakides referiuse a este medicamento antiviral, o molnupiravir, que elabora o grupo farmacéutico estadounidense. A EMA ten previsto darlle luz verde en febreiro. E xa a vindeira semana chegará a aprobación para o paxlovid de Pfizer. Na actualidade hai cinco remedios contra a Covid no eido da UE.

Comentarios