Redacción 18/01/22 14:47 Seguinte chevron_right Un estudo realizado por investigadores da empresa biotecnolóxica estadounidense 23 and Me revela un factor de risco xenético que inflúe na probabilidade de que unha persoa experimente perda de olfacto ou gusto como síntomas da infección por Covid-19, xa que se comprobou que non todas as contaxiadas experimentan estes síntomas. A investigación, que foi publicada na revista Nature Genetics e da que se fai eco a plataforma Sinc, mostra que o locus xenético —lugar específico onde está localizado un xene ou outra secuencia de ADN nun cromosoma—, situado nas inmediacións dos xenes UXT2A1 e UXT2A2, asóciase cun aumento de 11% na probabilidade de desenvolver calquera destes síntomas tras a infección por SARS-CoV-2. Adam Auton, vicepresidente da compañía biotecnolóxica, e máis o seu equipo levaron a cabo un estudo de asociación de todo o xenoma no que participaron 69.841 persoas —63% mulleres e 37% homes—, todas elas maiores de 18 anos e residentes nos Estados Unidos de América (EUA) ou no Reino Unido. O persoal investigador descubriu que os xenes UXT2A1 e UXT2A2 codifican encimas que se expresan nas células que recobren o interior do nariz e participan na eliminación dos odorantes —substancias que desprenden cheiro— que se unen aos receptores implicados na súa detección. "Non está claro como participan ambos os xenes neste proceso, pero dada a súa localización e función esencial, poderían desenvolver un papel na fisioloxía das células infectadas e a consecuente deterioración funcional que contribúe á perda da capacidade olfactiva", explican. Os investigadores sinalaron que o estudo ten limitacións, xa que está nesgado cara aos individuos de ascendencia europea, e foi realizado mediante enquisa. Con todo, este novo achado proporciona pistas sobre os mecanismos biolóxicos que subxacen á perda do olfacto ou do gusto relacionada co coronavirus. Canto dura a perda de gusto e olfacto? Un estudo elaborado pola Universidade de Quebec (Canadá) sostén que 51% das persoas enquisadas non recuperou o olfacto até cinco meses despois de padecer a Covid-19, mentres 17% tivo unha perda persistente. A perda do olfacto e o gusto fica presente mesmo pasado un ano en un de cada tres doentes —entre 25% e 30%—, segundo outra investigación desenvolta pola Universidade de Milán (Italia). Aliás, o mesmo estudo salienta que a persistencia é máis alta en mulleres e na poboación menor de 47 anos. A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN! Subscríbete ao noso boletín de novas. Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece. Rexístrate Etiqueta pandemia Covid-19 Seguinte chevron_right
SOCIAL Dimite o xefe do servizo de Medicina Interna do CHUS pola sobrecarga asistencial Redacción 29/xuño/22
SOCIAL A Plataforma Galega contra a OTAN protestou contra o cumio da Alianza Ricardo Suárez 29/xuño/22
SOCIAL O sector pesqueiro galego critica que Bruxelas "impoña" o veto a "70% da frota" do Gran Sol Redacción 29/xuño/22
SOCIAL A xustiza dos EUA autoriza acceder aos datos das redes sociais dos detidos polo asasinato de Samuel Luiz Redacción 29/xuño/22
SOCIAL Os médicos con xornada adicional recibirán un complemento de 12.000 euros anuais Redacción 29/xuño/22
SOCIAL A quenlla avistada en Oleiros faleceu por unha obstrución dixestiva xerada por plásticos Redacción 29/xuño/22