#sermos226: plans de pensións privados, en números vermellos

Máis un semanario saído do prelo. Oligopolios omnívoros, entrevista Francisco Coimbra, a recuperación dunha uva autóctona case perdida, as escolas unitarias que resisten fronte a vento e maré... todo isto e máis neste número, xa na nosa loxa.

Desde hai xa moito tempo, en concreto desde a década dos 90, a banca privada e un nutrido grupo de economistas –moitos deles vencellados, paradoxalmente, á función pública- veñen animando a cidadanía a subscribir plans privados cos que complementar as pensións tras a súa xubilación. Malia a propaganda, a realidade dos números aconsella precisamente o contrario: a meirande parte destes produtos presentan unha rendibilidade cativa, mesmo en moitos deles directamente negativa. Falamos disto en 'Un mal negocio', onde contamos como a rendibilidade dos plans de pensións, polo chan.

SG226As súas cepas son centenarias, do século XIX, e a súa zona de produción sitúase entre a comarca de Pontevedra, en concreto no Concello de Barro, no Salnés e O Rosal. É a uva ratiño, unha variedade autóctona practicamente desaparecida que a cooperativa Viña Moraima, coa contribución da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), está a recuperar. A I+D+i leva a recuperar unha variedade de uva autóctona case desaparecida. Un tema do qyue falamos en 'O ratiño, a uva do futuro'

En 'Barra libre para a biomasa' abordamos como o Goberno de Núñez Feijóo pretende derrogar o decreto 149/2008, que até o de agora limitaba a potencia e o número de centrais de biomasa no país. A partir de 2017 xa non haberá límite en canto á capacidade de xeración e número de instalacións. É a consecución dun vello anceio de ENCE: ter medio país producindo eucalipto para pasta de papel e o outro medio madeira para queimar

As unitarias

O concello da Baña chegou a ter máis de trinta escolas unitarias, mais na actualidade tan só fica unha en funcionamento. Un reflexo do acontecer no noso país. A Xunta pechou na Galiza, no presente curso académico, 13 escolas por “falta de alumnado”. Eliminaron perto de 60 en cinco anos e na última década a cifra ascende a case 200. De seguir así, en poucos anos ficaremos sen escolas unitarias na contorna rural. 'Escola unitaria, a sorte da aldea que a ten'.

'EU e Podemos surfean sobre a Marea'. O grande debate sobre o que quer ser En Marea de maior está practicamente resolvido, nas vésperas do Plenario que a confluencia realizará este sábado. En Marea continuará a ser unha plataforma constituída por partidos, a pretensión desde o principio de Podemos e EU.

'E se a transferencia da AP9 acabase no Tribunal Constitucional?' Está a ser a grande batalla política do inicio desta nova lexislatura galega, con interferencias desde Madrid. O Goberno estatal négase mesmo a que se tramite a iniciativa da transferencia da AP9 a Galiza no Congreso. O BNG quer que o asunto vaia ao Tribunal Constitucional.

En 'A fame como arma de guerra', A violencia en troca de se sufocar semella multiplicarse en Nixeria. Aos conflitos abertos entre pastores fulani e labregos do centro e sur do país, e a guerra do grupo terrorista Boko Haram contra o goberno, engádese o risco dunha guerra civil por causas relixiosas. A crise humana é a maior de todo o continente africano. 8 millóns de persoas fican en situación de emerxencia alimentar.

Após máis de catro anos de combates, a vitoria das forzas gobernamentais en Aleppo permite albiscar un cambio de tendencia na guerra. Entrementres, de maneira sorprendente, o Daesh recupera posicións ao tempo que Occidente retoma o seu apoio a grupos armados da “oposición moderada siria”. 'A decisiva batalla de Aleppo'.

'PCP aposta na rutura com a UE e o euro'. O XX congresso do Partido Comunista Português (PCP), decorrido os passados 2, 3 e 4 de dezembro em Almada, conclui enfatizando a necessidade de romper com a União Europeia e abandonar o euro, reafirma a vigência dos seus princípios e marca distancia com o governo do PS

A formación de oligopolios avanza en moitos sectores chaves da economía. Do financeiro ao enerxético, pasando polos carburantes. Mais tamén noutros, como o das telecomunicacións, o da gran distribución alimentar ou mesmo o do control das adxudicacións de obras públicas. Só entre 2010 e 2014 “desmontáronse” 25 prácticas cartelísticas en varios sectores. 'O crecente poder dos oligopolios'. En análise achegamos a segunda parte de 'Novas demandas para o rural galego'.

“Pola lingua pasa todo”

A colleita dos Xerais deste ano trouxo novos e non agardados narradores. Un deles é Francisco Coimbra (Madrid, 1986), un galego de adopción que exerce como profesor de Lingüística no Brasil, e que vén de dar a luz Crónica córnica, unha opera prima sorprendente na que escolle con moito coidado cada verba.

En 'andar e ver' o colectivo Xea lévanos á Torre de Doncos, a solitaria estrutura vixía o decorrer do río Navia.

1939. O Ipanema parte de Francia e atravesa o Atlántico rumbo a México. A bordo, unha muller toma notas das que nacerá Éxodo. Diario de una refugiada española (Ediciones Minerva, México, 1940), a crónica de milleiros de persoas que loitan por “recobrar o perdido”. Unha historia que contamos en 'Silvia Mistral, cronista da travesía ao exilio'.

Na contracapa, o selfie-entrevista a Vituco Neira, polos 20 anos de Ruxe Ruxe. E na Contracorrente, 'Cando a represión franquista chegaba até o máis íntimo'. Eu tamén necesito amar é o título da última aventura na que se mergullou Antonio Caeiro, cineasta documentalista que conta no seu haber con obras como Aillados, A memoria nos tempos do Wolfram, entre outras. Neste novo proxecto 17 mulleres relatan de xeito oral as súas historias persoais baixo o franquismo

E non faltan os colaboradores, desde a rítica literaria de Mario Regueira e a de cinema de Andrés Castro, as achegas de Luz Darriba, Mercedes Queixas, Cilia Torna, Mócica pazos e Manuel Forcadela. 

Máis en Só en papel
Comentarios