#sermos208: mártires e vitimarios: as dúas caras da represión

O Día da Galiza Mártir e o mes da memoria, as portas xiratorias en Galiza, seis miradas sobre as eleccións do 25S, a regueifa na lusofonía, viaxar de sofá en sofá... todo isto, e moito máis, neste número do semanario, xa á venda na nosa loxa.

Actos e homenaxes en todo o país recordan as persoas asasinadas e represaliadas por defenderen os dereitos nacionais e a liberdade do país. O labor para a recuperación da memoria das mulleres represaliadas de Aurora Marco será recoñecido este ano, cando se fan 80 anos do inicio do terror, co premio da Galiza Mártir. “Aínda hai moitísimas páxinas en branco por encher da memoria galega”, afirma Aurora Marco. Un tema que tratamos en 'O mes da memoria'.

A memoria histórica fixo xustiza na sede da Deputación da Coruña, onde se homenaxearon representantes políticos asasinados polo após o golpe militar. 'A Deputación da Coruña fai revivir os cargos públicos represaliados no 36'.

Desde hai máis dunha década milleiros de persoas en todo o mundo partillan experiencias através dunha rede que conecta os seus sofás. Trátase do couchsurfing, unha maneira sinxela e moi económica de percorrer o mundo ao tempo que descobres persoas, culturas e linguas diferentes ou, simplemente, atopas un oco no que pasar a noite. Contámoscho en 'Percorrer o mundo surfeando entre sofás'.

SG208En 'Seis miradas para o 25S' achegamos seis voces para opinar sobre as eleccións galegas. Antón Losada, Xosé M. Pereiro, Pilar García Negro, Manuel Veiga, Pilar Fernández e Miguel Bastos.

O PNV aspira á reelección de Urkullu e a esquerda abertzale aposta no efecto Otegi nuns comicios nos que a coligazón liderada por Podemos podería alterar a correlación de forzas en favor do bloque constitucionalista. 'O incerto panorama electoral en Euskadi'.

Ex-conselleiros, ex-ministros, exdirectores xerais... a nómima de cargos públicos que, unha vez cesados, pasaron a consellos e pontes de mando de grandes compañías non é pequena. Unhas fichaxes que evidencian a estreita ligazón e conexión de intereses entre certa política e a empresa privada. 'As portas xiran na Galiza'.

En 'A regueifa ou a arte de improvisar na lusofonía'. Viaxamos desde a Galiza até o Brasil facendo escala na Illa da Madeira para dar a coñecer, a través dos diferentes sotaques, unha pequena mostra da arte da improvisación oral en verso no mundo lusófono. Achegámonos ao repente no nordeste do Brasil, á regueifa na Galiza e ao despique na Illa da Madeira.

Na contra-capa, os coídos que agroman en Baroña e a selfie-entrevista á fotógrafa Alicia Martínez. E temos as achegas de David Otero ('Galicia en Poio e Pontevedra') e Marga Do Val ('Tréveris, benquerida'). Felipe Senén fálanos de 'Onde aínda afondar: Cuevillas e a ciencia da Arqueoloxía' e Mario Regueira, na crítica de literatura, sobre 'Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores', de Silvia Penas. Andrés Castro debúllanos o filme 'Green Room', de Jeremy Saulnier. Xurxo Souto lévanos ' Na procura dunha lenda, Finita Gay'. E Paula Mariño pregúntase se 'Existe para a Xunta o Museo do Pobo Galego?'. E aínda hai máis: banda deseñada, o fóra de serie...

Máis en Só en papel
Comentarios