sábado 23/10/21

#sermos145: boicote das Anpas ás reválidas

Todas as chaves das municipais 2015, a prohibición de Sanidade de vender a vacina do meningococo B nas farmacias, entrevista a Ismael Ramos e un adianto da súa obra... Todo isto e máis, neste número.

Capa
Capa

Revalidar o franquismo coa Lomce‘ é o título do tema da semana do Sermos Galiza nº145, unha dupla páxina na que falamos dunhas probas avaliativas en Primaria e reválidas na ESO e Bacharelato que devolven a metodoloxía franquista ás aulas. Un artigo de Fernando Lacaci. vicepresidente e voceiro da Confederación Anpas Galegas, completa a reportaxe. Tamén adicamos unha dupla ao período electoral no que nos atopamos. ‘A campaña que pode mudar o mapa da Galiza municipal’ .

‘As municipais, un referendo arredor do futuro de Porto Cabral’. A parroquia viguesa resiste case tres anos despois contra o proxecto que levaría por diante 300.000 metros cadrados de monte común. A promotora, un fondo británico que conta co apoio de PSOE e PP, quenta a campaña con novos anuncios. Só BNG-Asambleas Abertas e Marea de Vigo manifestaron a súa oposición.

A decisión do Ministerio de Sanidade de non autorizar a venda en farmacias da vacina contra o meningococo B e, o que aínda é máis grave, de rexeitar as solicitudes dos pediatras e outros especialistas en Inmunoloxía para determinados casos está a provocar situacións impropias dun país normal. Falamos con profesionais e afectados por esta situación na reportaxe ‘Un ministerio insensíbel’.

Terrorismo machista

Malia as sospeitas da Garda Civil nen a xuíza nen a Fiscalía garantiron medidas de protección para Isabel Fuentes, a primeira muller asasinada este ano na Galiza. Un tema do que falamos tamén neste semanario, en ‘A violencia machista ispe a xustiza’.

‘Aforro galego para créditos españois’. @s [email protected] tiñamos a fins de 2014 en depósitos bancarios máis de 55.000 millóns de euros mais a banca prestou no noso país 44.000 millóns, 11.000 millóns menos. Uns cartos que se destinaron a fornecer créditos noutros territorios.

Na reportaxe ‘A contundente voz de Escocia’ Pilar Fernández explícanos como SNP chamou o conxunto da sociedade, independentista ou non, para reforzar o rol de Escocia en Westminster, esa foi a clave do seu suceso.

“Por vez primeira uma obra dun autor em galego e de um escritor galego integra a programação oficial do grande cenário do teatro português”. Cóntanolo Xaquín Núñez Sabarís -profesor asociado do Departamento de Estudos Românicos da Universidade do Minho- en ‘ Vidal Bolaño no Teatro Nacional D. Maria II’.

Os fillos da ira

“Os novos escritores non imos dar un golpe na mesa” confesa o poeta Ismael Ramos, recente gañador do premio Joham Carballeira, na entrevista que publicamos neste semanario. Publicamos en adianto unha parte da obra.

En Viaxes na Miña Terra percorremos da man do colectivo Xea o parque de Castrelos e os xardíns do pazo Quiñones de León.

‘Tres propostas literarias para as Letras’. A rede é un acaído soporte de creación e difusión literaria. Autores e autoras como Helena Villar, Fran Alonso, Francisco Castro, Dores Tembrás, Santiago Jaureguizar ou Marta Dacosta, entre moitos máis nomes, ofrecen as súas producións a través da rede. Para este mes das Letras achegámonos a tres iniciativas de difusión da literatura a través das pantallas.

Na contra-capa entrevistamos Chiqui Barros, treinador dunha equipa de baloncesto feminino de Ecuador. “"As oportunidades hainas que aproveitar, e esta era unha delas". Xa á venda na nosa loxa. 


 

comentarios