#sermos141: Eixo Atlántico, o poder da propaganda

Un novo semanario saído do prelo. Falamos do que hai de verdade no tan cacarexado Eixo Atlántico, entrevistamos o xornalista arxentino Horacio Verbitsky, analisamos a contra-reforma do aborto e do sistema de portección á infancia. E estreamos suplemento, ‘De volta na Galiza’. Xa á venda na nosa loxa.

unnamed

O nº141 do semanario Sermos Galiza xa está na rúa e na nosa loxa. Un número que chega até as 48 páxinas da man dun novo suplemento, de carácter trimestral, ‘De volta na Galiza’, un novo caderno de análise coordinado pola Asociación Marusía de emigrantes retornados. 

‘Eixo atlántico, o poder da propaganda’ é o Tema da Semana deste número. Unha reportaxe a dupla páxina na que falamos de como Fomento e a Xunta anuncian a fin das obras malia deixar de actuar en máis do 35% do trazado orixinal. Completa o Tema un artigo de Francisco Rodríguez, ensaísta e ex-portavoz do Bloque no Congreso dos Deputados.

A imposibilidade de facer a declaración da renda en galego volve traer a primeira liña a problemática daquelas institucións do Estado en Galiza que viven en non poucas ocasións de costas ao idioma oficial e propio do país. Contámolo en ‘Un Estado xordo e monolingüe’.

‘O 24M selará a sorte de Rajoy’: Unha derrota en Valencia e Madrid podería activar a fronte interna que opina que só un cambio de cartaz daría opcións ao PP de manter o poder e de frear Cidadáns.

A mirada crítica

‘Un ollar crítico sobre as reformas do sistema de protección á infancia’. Nesta reportaxe as profesoras da Universidade da Coruña Laura Cruz e Ana Iglesias analizan nun relatorio os recentes proxectos de lei, aprobados polo Goberno central, verbo dunha materia que ficou sen actualizar os últimos 20 anos.

Marta González, deputada do PP, asegura que a lexislación actual “asume como réxime xeral as situacións excepcionais”. Os dados desméntena. Contámolo en ‘A nova contra-reforma do aborto’.

Horacio Verbitsky

Entrevistamos en Bos Aires Horacio Verbitsky, escritor e xornalista de ‘Página 12’. Leva como alcume "El Perro" pola súa escrita directa e incisiva. Quizabes tamén porque no seu traballo latexa o ideal do xornalismo como "can gardián" fronte aos poderes fácticos. É un dos periodistas máis coñecidos da Arxentina, intelectual latinoamericano de relevo e profundo coñecedor da realidade política do continente. “Nisman estaba subordinado á embaixada de Estados Unidos”, afirma.

Galiza é coñecida pola súa produción leiteira mais unha porcentaxe importante do seu sector agropecuario baséase na carne, un sector marcado pola falta de relevo xeracional. Disto falamos en ‘As outras vacas’.

Adianto editorial, banda deseñada

Na sección de textos entrevistamos Manel Cráneo, creador de banda deseñada e director de demo editorial. “No sector cultural hai moito talento mais falta mentalidade empresarial”, afirma. Publicamos un avanzo editorial de ‘Destino Hërgüss’, a primeira novela gráfica que provén do Planeta Mincha. O seu creador, Manel Cráneo, publica un libro que conta tamén con banda sonora e remite aos seus espazos propios na rede. Publicado a través dunha campaña de micromecenazgo, da nova obra de Cráneo vendéronse máis de 400 exemplares xa antes de se publicar e as librarías mecenas recibiron os primeiros exemplares. En breve, estará distribuida en todos os puntos de venda.

Da man do Colectivo XEA percorremos na sección Viaxes na Miña Terra a fronteira surleste de Galiza e terra de soutos.

E na contra-capa falamos con tres estudantes da Universidade de Vigo que fabrican un monopraza para competir na Formula Student, un torneo creado en 1998 onde participan centos de proxectos universitarios de todo o mundo.

Palabras con memoria

E tamén estreamos sección, Palabras con Memoria, que é unha sección da web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galeg coordinada por Isidro Novo, que recupera palabras e expresións en desuso ou que non recollen os dicionarios. O glosario conta con 1.270 pezas, das que semanalmente facemos unha selección co obxecto de as reintroducir no vocabulario cotián. @s lectoras/ es poden enviar os vocábulos que teñan arrombados no faio da lembranza a [email protected], indicando o lugar de escoita, unha breve definición e un exemplo de uso 

Máis en Só en papel
Comentarios