A FONDO

A necesaria recuperación da memoria galega

O A Fondo desta semana recupera a memoria galega con motivo do 40º aniversario da morte de Franco para dar conta das pegadas que deixou a represión na Galiza e do mantemento da simboloxía franquista no país. Xa á venda na nosa loxa.

capa_af127

O A Fondo desta semana aborda a memoria galega desde diferentes perspectivas. Coordinado pola xornalista María Obelleiro, o caderno inclúe pezas informativas sobre a pegada da represión no nacionalismo galego e no anarquismo, sobre os roubos de patrimonio ao pobo, sobre políticas institucionais de impulso á memoria e sobre a Iniciativa Galga pola Memoria. Ademais, inclúe unha entrevista con Flor Baena, irmá de Humberto Baena, un dos últimos fusilados da ditadura.

En “A represión fascista sobre o nacionalismo galego”, Uxío Breogán Diéguez, historiador e profesor da UDC, dá conta do impacto do “terror totalitario-españolista” e a resposta do nacionalismo. “Os principais cadros do nacionalismo galego, e da esquerda no seu conxunto existente no noso territorio, diante daquela tesitura reaxiron con absoluto compromiso militante fronte ao totalitarismo, dando a súa vida pola democracia”, sinala o historiador. Bóveda, Víctor Casas, Ánxel Casal, Castelao... mais tamén Virxinia Pereira ou María Miramontes son algunhas das persoas ás que alude o artigo, no que o autor apela a reflexionar detidamente para “ponderarmos o que significou o devandito golpe militar na Galiza, nomeadamente en clave democrática e de construción nacional”.

O historiador Eliseo Fernández é o autor de “Pegadas dun país que nunca existiu: a represión contra o anarquismo galego”, peza que trata a violencia da represión que seguiu ao golpe militar no anarcosindicalismo e noutros proxectos sociais alternativos. “Asasinaron os seus opositores desde a primeira hora do réxime ditatorial. E a militancia sindicalista foi un dos albos prioritarios da represión, tanto polo seu innegábel protagonismo na resistencia ao golpe como pola súa condición de militantes da CNT”, escribe. Eliseo Fernández explica que a represión mortal atinxiu “máis de 500 persoas que militaban en organizacións libertarias galegas, o que viría representar perto dun 1,5% da militancia anarquista e anarcosindicalista (sobre 35.000 persoas) e foi algo máis do 10% do total de vítimas mortais da represión (que o Proxecto Nomes e Voces sitúa en 4.699 persoas).

Flor Baena, irmá de Humberto Baena: "Non se admitiron probas de balística nin as pegadas dactilares no xuízo contra o meu irmán"

A execución de Humberto Baena, o derradeiro fusilado do franquismo, centra a conversa que a xornalista María Obelleiro mantén con Flor Baena, a irmá deste militante do FRAP que o réxime matou após un proceso xudicial acelerado e ateigado de irregularidades. “Teño a esperanza de que Peter –nome familiar ao que se referían a Humberto Baena- fique na historia como un asasinado e non coma un asasino”, sinala Flor, quen denuncia que no xuízo, amais das testemuñas, “non se admitiron probas de balística nin as pegadas dactilares”. “Os avogados dicíannos que os indultarían. Foron 11 os condenados a morte, dos que 5 foron fusilados e 6, indultados. Foi moi arbitrario. Indultaron as mulleres e os homes que tiñan descendencia e mataron os dous galegos e tres vascos. Dalgún xeito, Franco quería dar un escarmento ou mostrar quen mandaba”, recoñece a irmá pequena de Humberto Baena.

O ex presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Manuel Monge, escribe sobre “os roubos continuados da familia Franco”, nomeadamente, sobre o Pazo de Meirás, en Sada, e insta as formacións políticas a incluír nos seus programas electorais o compromiso de tomar medidas para a recuperación do pazo para o patrimonio público. Na información "O pazo de Meirás e os restos do franquismo", Monge lamenta que os sucesivos gobernos que chegaron após a morte de Franco non adoptaron ningunha medida para acabar con esta situación. “A familia Franco foi premiada con todo tipo de privilexios e distincións e puido seguir aumentando a súa fortuna, que pode superar hoxe os 600 millóns de euros”, sinala, “A viúva do ditador, Carmen Polo, recibía unha pensión anual de 12,5 millóns de pesetas, cando o presidente do Goberno cobraba 8 millóns”, expón.

Luís Bará, activista da memoria e autor do blog Non des a esquecemento, defende en “Bases para unha política pública da memoria”, que as liñas de acción dun programa público da memoria pasan pola asunción dos seguintes criterios: perspectiva galega, continuidade no tempo, coñecemento da verdade, socialización, perspectiva de xénero, proximidade coas vítimas e as familias e espazos para a memoria. Nesta peza, Luís Bará pon de manifesto que a Lei da Memoria Histórica constituíu “unha oportunidade perdida polas carencias do propio texto legal e a escasa vontade política para sacala adiante”. “Agora estamos nun novo ciclo político que permite albiscar a posibilidade de construír unha nova política da memoria por parte das institucións galegas”, salienta.

O A Fondo desta semana fecha cunha peza redactada por Xoán Carlos Garrido, membro da Iniciativa Galega da Memoria, que escribe sobre este proxecto. En “A IGM: Un punto de encontro fronte á desmemoria”, o autor lembra as políticas públicas postas en marcha sobre o memorialismo galego e recolle o nacemento da Iniciativa Galega da Memoria como un lugar de encontro para “enfrontar a elaboración dunha lei da memoria que non acabase sendo unha lei de punto final”. “A pesares das tensións creadas, foi posíbel combinar o pluralismo de opinións e a unidade de acción sen que a devandita lei supuxera a fin da IGM”, engade. O autor defende que a IGM é hoxe “un espazo de traballo en común cara a conquistar o dereito á verdade, a reparación, a xustiza e as garantías de non repetición”.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en Só en papel
Só en papel
Máis un número do Sermos Galiza saído do forno. Falamos das persoas sen fogar no noso país, entrevistamos Francisco…
Só en papel
Máis un novo número saído do prelo. Falamos das perto de 7.100 persoas que contan en Galiza cun patrimonio superior aos 700 mil…
comentarios