Vivenda

Bota a andar o índice de prezos do aluguer que a Xunta, ás ordes do PP, non aplicará por ser "un suicidio inmobiliario"

Os gobernos dos 'populares' opóñense frontalmente á medida que esta sexta feira recolle o BOE e da que, polo de agora, só se beneficiará Catalunya declarando zonas tensionadas en 140 municipios.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta quinta feira nos corredores de San Caetano após a reunión semanal do seu Goberno. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta quinta feira nos corredores de San Caetano após a reunión semanal do seu Goberno. (Foto: Arxina)

O BOE recolle esta sexta feira o novo índice de prezos de referencia que ten por obxectivo limitar as rendas do aluguer en zonas declaradas como tensionadas, decisión que xa se adopta en Catalunya para até 140 municipios, polo que a medida entrará en vigor este mesmo sábado. A Xunta da Galiza, porén, rexeita botar man desta medida, seguindo así o ditado do Partido Popular nos territorios onde goberna.

A través dun comunicado, os populares cualifican o novo índice de "suicidio inmobiliario" ao entender que "reduce" a oferta de inmóbeis e "fomenta a economía somerxida". Para a formación conservadora, a medida que pretende limitar os prezos do aluguer en determinadas zonas está abocada a un "estrepitoso fracaso", logo de que só Catalunya se comprometese xa a aplicala para facilitar o acceso á vivenda alá onde resulta máis complicado.

"Erro tras erro", afirma a vicesecretaria de Desenvolvemento Sostíbel do PP, Paloma Martín, que carga tamén contra a nova Lei de vivenda —aprobada o pasado ano—, na que se enmarca o índice de prezos. "No tempo de vixencia da lei, os prezos alcanzaron máximos históricos, con efectos perversos para os mozos e as clases máis desfavorecidas", sostén, mentres mantén a súa negativa a, precisamente, traballar por limitar os prezos.

Martín insiste en que as solucións non pasan por "intervir o mercado e topar os prezos, como impón o PSOE", senón por "equilibrar" a oferta e a demanda. "Para corrixir o desfasamento actual é necesario pór en marcha medidas que dinamicen o mercado como unha maior dispoñibilidade de solo, a simplificación administrativa, a axuda aos mozos, a seguridade xurídica ou a loita contra a ocupación", subliña.

A Xunta ve a proposta un "erro"

Na Galiza, a conselleira responsábel de Vivenda, Ángeles Vázquez, lamenta que a medida se artellase "sen a debida consulta e escoita ás comunidades" e que "repita o erro cometido" coa Lei de vivenda. Desde o seu departamento entenden que o índice, aliás, chega nove meses após a aprobación do texto por mor da "falta de planificación" do Goberno estatal.

"A Xunta deixou claro desde o principio que non vai declarar de oficio zonas tensionadas na Galiza porque fixan obrigas que contribúen a desincentivar aos propietarios e mesmo a reducir a oferta, e xa fracasaron noutros países e cidades europeas", xustifica. Interpelada hoxe ao respecto nun acto no polígono de Morás, en Arteixo, Vázquez acusou o Executivo español de dar "pasos en falso" cunha medida que cualifica, seguindo a liña do seu partido, como un "auténtico fracaso". 

O presidente, Alfonso Rueda, xa avanzara a finais de febreiro, consultado por Nós Diario, que non declararía zonas tensionadas e que "valoraría" as propostas dos concellos, algo para o que xa se mostraron predispostos os gobernos locais da Coruña e Santiago.

Comentarios